A Deputación da Coruña centra a súa campaña do 25N na prostitución e na explotación sexual

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A iniciativa 'DE FRONTE á violencia de xénero' cuestiona a responsabilidade dos homes que pagan por sexo e inclúe recursos educativos, representacións teatrais e unha xornada formativa
DIPU CORU 25n
20 Nov 2026

A Deputación da Coruña presentou unha nova edición da súa campaña institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano pon o foco na prostitución e na explotación sexual, así como na responsabilidade de quen paga por sexo. A iniciativa, baixo o lema 'DE FRONTE á violencia de xénero', busca cuestionar a normalización social da demanda e abordar tamén as novas formas de explotación vinculadas ás plataformas dixitais.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, presentou este venres a programación e explicou que o obxectivo é cambiar o enfoque da campaña para deixar de sinalar e estigmatizar as mulleres en situación de prostitución e centrar a atención en quen consume estes servizos e nos mecanismos que permiten converter os corpos das mulleres en mercadoría.

Agra advertiu de que a explotación sexual non é unha realidade afastada do entorno próximo e alertou de novas formas de captación e explotación a través de internet, como a monetización da intimidade, o ciberproxenetismo ou as plataformas de subscrición. A campaña tamén invita a reflexionar sobre a construción da masculinidade, o desexo sexual, a influencia da pornografía e os modelos de relacións que reproducen desigualdades e dominación.

Recursos educativos para a mocidade e as familias

Unha das principais liñas de traballo desta edición será a elaboración de materiais pedagóxicos dirixidos tanto á mocidade como ás familias. A Deputación preparará unha guía para adolescentes, acompañada de tres vídeos en formato reel, destinada ao profesorado, ao persoal de dinamización xuvenil e a profesionais da intervención social.

Os contidos abordarán a monetización da intimidade e as plataformas dixitais, os procesos de captación e explotación sexual en liña e a influencia da pornografía e da cultura sexualizada na construción do desexo e das relacións afectivas.

Tamén se elaborará unha guía práctica para familias con orientacións para abordar a educación afectivo-sexual no fogar, analizar o impacto da pornografía durante a adolescencia, traballar o consentimento e actuar ante situacións de violencia dixital. O documento incluirá, ademais, recursos informativos e canles de denuncia e protección.

Teatro en cinco concellos da provincia

A programación inclúe un circuíto teatral por distintos concellos da provincia durante a semana do 16 ao 22 de novembro. A compañía Redrum Teatro representa 'Sophie non é o meu nome de guerra', unha obra dirixida por Laura Míguez e recoñecida co Premio Rafael Dieste 2021 que aborda a migración forzada e a trata de mulleres con fins de explotación sexual.

As representacións están dirixidas principalmente ao alumnado dos centros de secundaria e contan con coloquios posteriores xunto á ONG ACCEM Galicia.

O circuíto pasou por Cedeira, Carballo, Betanzos e Negreira, mentres que a última representación terá lugar este domingo, 22 de novembro, no Auditorio de Baio, en Zas, ás 18.30 horas. Esta última función estará aberta ao público xeral.

Acto institucional o 25 de novembro

O acto central da campaña celebrarase o próximo mércores, 25 de novembro, ás 11.00 horas, no Pazo Provincial. A cita incluirá intervencións institucionais e unha actuación musical e estará aberta ao público.

A programación completarase a finais de xaneiro de 2027 cunha xornada formativa provincial centrada no sistema prostitucional e nas súas transformacións actuais. O encontro incluirá conferencias e mesas de traballo sobre a demanda masculina, as plataformas dixitais, a pornografía, os modelos xurídicos e de protección e a resposta das institucións e entidades que traballan sobre o terreo.

A iniciativa conta coa adhesión dos 93 concellos da provincia e contempla o envío de materiais promocionais para apoiar as accións locais de sensibilización. Todos os recursos gráficos, audiovisuais e pedagóxicos estarán dispoñibles progresivamente na web defronte.gal.

0.15275812149048