A Delegación do Goberno e a Deputación da Coruña homenaxean as vítimas do accidente de Urda

ACoruñaXa
As dúas institucións gardaron este xoves cadanseu minuto de silencio para expresar as súas condolencias ás familias das persoas falecidas e o seu apoio ás afectadas pola traxedia ferroviaria
A CORUÑA delegado goberno minuto silencio
29 Oct 2026

A Delegación do Goberno en Galicia e a Deputación da Coruña gardaron este xoves, 29 de outubro, cadanseu minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario ocorrido en Urda (Toledo). Os actos coincidiron coa primeira das tres xornadas de loito oficial decretadas polo Goberno de España.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presidiu o acto celebrado pola mañá ás portas da Delegación do Goberno. Nel participaron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a fiscal superior de Galicia, Carmen Eiró; mandos policiais e militares, e representantes da sociedade civil.

Blanco trasladou as súas condolencias, en nome propio e do Goberno de España, aos familiares e achegados das persoas falecidas. Tamén expresou o seu cariño e apoio ás persoas feridas, ás que desexou unha pronta recuperación.

O delegado recoñeceu, ademais, o labor dos servizos de emerxencias, das Forzas e Corpos de Seguridade e de todas as persoas que están a colaborar na atención ás vítimas e ás súas familias. 'Desde Galicia queremos trasladarlles que estamos con eles e que desexamos que se sintan arroupados en todo momento', sinalou.

Pola súa banda, a Deputación da Coruña convocou outro minuto de silencio no que participaron representantes dos grupos políticos da corporación provincial e traballadores e traballadoras da administración. Con este xesto, a institución expresou o seu pesar polo sucedido e trasladou as súas condolencias ás familias e persoas achegadas das vítimas, así como o seu apoio a todas as persoas que están a sufrir as consecuencias do accidente.

0.1407630443573