A cultura, os colexios e o deporte gañan peso no novo orzamento municipal de Sada

O Goberno local de Sada reforza no Orzamento 2026 as áreas de Cultura, Educación e Deporte cun paquete de investimentos dirixido a modernizar equipamentos públicos, atender demandas dos centros escolares e ampliar os servizos que se prestan á veciñanza.
Unha das actuacións máis destacadas será a rehabilitación integral da Capela de San Roque, que contará cunha achega municipal de 225.000 euros. O proxecto xa deu pasos previos durante este ano, entre eles a realización dunha cata arqueolóxica necesaria para garantir que a intervención se desenvolva con rigor e respecte o valor patrimonial do inmoble.
A aposta cultural complétase con novas melloras en espazos municipais. A Casa da Cultura recibirá 20.000 euros para renovar o seu interior, mentres que a Biblioteca Municipal contará con outros 20.000 euros destinados á súa modernización e á mellora das condicións de uso. Ademais, o Concello incrementa nun 75% as subvencións culturais e nun 65% as achegas para festas parroquiais.
O Executivo local tamén busca consolidar unha programación estable, con actividades durante boa parte das fins de semana do ano, co obxectivo de reforzar o papel de Sada como un dos municipios de referencia da área coruñesa no ámbito cultural.
No apartado educativo, unha das partidas principais ascende a 224.367 euros e permitirá seguir avanzando na tramitación da expropiación dos terreos necesarios para a ampliación do CEIP Sada e Contornos, unha das prioridades do mandato para o Goberno municipal.
A maiores, o Concello reserva arredor de 130.000 euros para investimentos acordados cos propios centros educativos. No CEIP Sada e Contornos levaranse a cabo traballos de pintura interior e exterior coincidindo co seu centenario, ademais da creación dun aparcadoiro de bicicletas vinculado ao proxecto de camiño escolar seguro.
No CEIP O Mosteirón renovarase o pavimento da primeira planta, mentres que no CEIP Pedro Barrié de la Maza se actuará nun espazo natural para habilitalo como aula na natureza. Estas melloras completan outras actuacións recentes nas instalacións deportivas do centro, entre elas a renovación integral das pistas, que se executará este verán cun investimento próximo aos 150.000 euros.
O deporte tamén terá presenza nas contas municipais. O orzamento inclúe a redacción do proxecto de ampliación do campo de fútbol de Carnoedo, que contempla novos vestiarios, tamén femininos. Ademais, prevese planificar a cuberta dunha pista deportiva nas parroquias e mellorar a instalación eléctrica da pista de Mondego.
Estas actuacións sumaranse ás melloras previstas en pistas exteriores e no pavillón municipal, dentro dunha liña de traballo coa que o Goberno de Sada quere actualizar equipamentos e reforzar os servizos públicos en diferentes ámbitos da vida municipal.