A cultura local de Arteixo contará con 42.000 euros en axudas para actividades e equipamentos en 2026

O Concello de Arteixo abriu o prazo para solicitar as subvencións destinadas ao desenvolvemento de actividades culturais e á adquisición de equipamentos durante o ano 2026. A convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia o pasado 12 de xuño, está dirixida ás entidades locais e tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
A liña de axudas conta cun orzamento total de 42.000 euros. Desa cantidade, 32.000 euros reservaranse para actividades culturais como celebracións, exposicións, certames ou talleres, mentres que os 10.000 euros restantes destinaranse á compra de equipamentos culturais.
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía telemática a través da sede electrónica municipal. O prazo rematará o sábado 27 de xuño, incluído.
As subvencións cubrirán actuacións realizadas entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026. Posteriormente, as entidades beneficiarias terán ata o 30 de setembro de 2026 para presentar a correspondente xustificación.