A CRMH da Coruña fixo entrega do seu arquivo audiovisual á Deputación

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) vén de formalizar a cesión do seu fondo audiovisual á Deputación da Coruña, que o incorporará aos seus fondos documentais co obxectivo de garantir a súa conservación, catalogación, dixitalización e difusión pública. A cesión permitirá preservar un material de enorme valor histórico, composto por 168 cintas de vídeo e 6 DVD con entrevistas a máis dun cento de testemuñas directas do golpe de Estado de 1936 e da posterior represión franquista.
A entrega dos soportes físicos tivo lugar na Biblioteca Provincial, nun acto no que participaron a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra; o presidente da CRMH, Carlos Babío Urkidi; e a responsable da Biblioteca Provincial, Carmen Ferreiro. Por parte da asociación tamén asistiron Beatriz Gómez Amigo, Rubem Centeno Paradela e Beatriz Parga Massa.
A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra, destacou a importancia de preservar e difundir este legado documental nun momento no que resulta fundamental combater o descoñecemento da historia e facer fronte aos discursos de odio e á banalización do fascismo. «Preservar a memoria é tamén unha forma de defender a democracia no presente. Non podemos permitir que o descoñecemento da nosa historia abra a porta a discursos de odio que cuestionan os dereitos e as liberdades conquistadas», sinalou Sol Agra.
Agra subliñou que o acceso a testemuños directos da represión franquista constitúe unha ferramenta fundamental para coñecer o pasado e promover unha cidadanía crítica e comprometida cos valores democráticos. «Cando desaparecen as persoas que viviron aqueles feitos, a súa voz só pode seguir chegando ás novas xeracións se somos capaces de conservar e compartir o seu testemuño. Temos a responsabilidade de protexer esa memoria e poñela ao servizo da sociedade», engadiu.
O fondo audiovisual está integrado principalmente por entrevistas realizadas por Beatriz Gómez Amigo, integrante da directiva da CRMH, a mulleres e homes que viviron directamente o golpe militar e civil de 1936 na Coruña e a posterior represión franquista. Trátase dun material de especial relevancia histórica e documental, xa que a maioría das persoas entrevistadas xa faleceron. Entre as poucas testemuñas que permanecen vivas atópase unha muller que ten actualmente 102 anos.
A desaparición progresiva das persoas que viviron aqueles acontecementos fai especialmente urxente a preservación destes rexistros, que permiten recuperar experiencias persoais e voces imprescindibles para comprender a represión e as súas consecuencias. Neste sentido, a Deputación considera a conservación e difusión deste fondo unha actuación de interese público, tanto polo seu valor para a investigación histórica como pola súa contribución á educación democrática e á loita contra o esquecemento.
A Biblioteca Provincial será a encargada de custodiar os soportes físicos e catalogalos segundo os estándares bibliotecarios. Posteriormente, o experto Xosé Antón Bocixa Rei realizará os traballos de dixitalización para garantir a preservación dos contidos e facilitar o seu acceso. Unha vez concluído o proceso, os ficheiros dixitais quedarán dispoñibles para a súa reprodución a través da plataforma da Biblioteca Provincial. A consulta será pública.