A creatividade en galego volverá a ser premiada no certame das Letras Galegas de Abegondo

O Concello de Abegondo convoca unha nova edición do Certame Letras Galegas 2026, unha iniciativa coa que busca impulsar o uso da lingua galega, promover a creación literaria e artística en galego e conmemorar o Día das Letras Galegas. Nesta edición, o concurso servirá tamén para homenaxear a figura da escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño, protagonista da celebración deste ano.
O certame está aberto a diferentes idades e incorpora varias disciplinas, con categorías específicas para infantil, primaria, secundaria e menores de 18 anos, adultos e unha modalidade audiovisual aberta a participantes de todas as idades. O prazo para presentar os traballos rematará o 15 de xuño.
Na categoría infantil, dirixida ao alumnado desta etapa educativa, haberá tres premios nas modalidades de debuxo e pintura, dotados con 100 euros, 80 euros e 60 euros. Para o alumnado de primaria establécense dous premios en narrativa e dous en poesía, con 100 euros para os primeiros clasificados e 80 euros para os segundos.
A categoría de secundaria e menores de 18 anos contará tamén con premios nas modalidades de narrativa e poesía. En cada unha delas haberá un primeiro premio de 100 euros e un segundo de 80 euros. No caso das persoas adultas, maiores de 18 anos, haberá un premio de narrativa e outro de poesía, ambos dotados con 180 euros.
O certame inclúe ademais un premio especial audiovisual de promoción do galego, cunha dotación de 100 euros. Nesta modalidade admitiranse gravacións relacionadas coa defensa e promoción da lingua galega ou coa conmemoración do Día das Letras Galegas. O xurado terá en conta a orixinalidade, o contido didáctico e o valor cultural e antropolóxico das propostas.
Os traballos poderán remitirse ao Servizo de Normalización Lingüística ou ao departamento de Cultura do Concello de Abegondo. Tamén se poderán entregar presencialmente na Casa do Concello, na Biblioteca ou na Aula Lúdica, así como por correo postal no enderezo San Marcos, 1, 15318 Abegondo.
A presentación poderá realizarse igualmente a través da sede electrónica municipal ou mediante correo electrónico en cultura@abegondo.gal, sempre que o formato do traballo o permita e non dificulte a correcta valoración da súa calidade artística.
O xurado valorará a creatividade e a orixinalidade das obras, a calidade literaria e lingüística, a posta en valor do galego e a capacidade dos traballos para promover a lingua. Tamén se terá en conta a presenza da figura de Begoña Caamaño e da súa obra nas propostas presentadas.