A Coruña reparte 58.641 euros entre 22 entidades veciñais para apoiar o seu funcionamento e as súas actividades

Un total de 22 entidades veciñais da Coruña recibirán 58.641,24 euros do Concello para sufragar os seus gastos de funcionamento e desenvolver actividades sociais, culturais e de participación cidadá ao longo de 2026. A convocatoria municipal de Participación distribúe 26 axudas entre as asociacións beneficiarias, catro das cales obteñen financiamento nas dúas modalidades previstas.
A maior parte dos fondos, 34.993 euros, destínase a programas, proxectos e actividades nos barrios. Esta liña concede 19 subvencións, con importes que oscilan entre os 650 e os 3.518 euros, para apoiar propostas formativas, creativas, deportivas e comunitarias.
Entre os proxectos beneficiarios figuran 'DiverS.O.S. na Agra', 'Agra no Ágora' e 'Facendo barrio', así como 'Gurugú creativo', na Falperra; 'Martinete vivo', en San Cristovo das Viñas; e 'Móvete', na Praza do Comercio. Tamén recibirán financiamento iniciativas de dinamización veciñal, actividades sociais e celebracións populares en distintos puntos da cidade.
A programación inclúe cursos de idiomas, cerámica, memoria e ximnasia, actividades de fútbol e charlas veciñais. As axudas tamén permiten organizar celebracións como o Día das Letras Galegas, magostos, Samaín e Nadal, ademais de festivais de fin de curso vinculados aos talleres das asociacións.
Pola súa banda, a liña destinada ao funcionamento e mantemento das sedes sociais reparte 23.648,24 euros entre sete entidades. As achegas concedidas nesta modalidade sitúanse entre os 284 e os 6.718,24 euros.
A convocatoria contaba cun orzamento inicial de 60.000 euros e recibiu 28 solicitudes: nove para gastos de funcionamento e 19 para actividades. As subvencións cobren gastos e iniciativas correspondentes ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o obxectivo destas axudas é impulsar actividades que contribúan a crear comunidade e dinamizar os barrios.