A Coruña renova o convenio coa Deputación para manter a súa rede de acollida a vítimas de violencia de xénero

ACoruñaXa
O acordo contempla unha achega provincial de 120.926,27 euros para financiar a Casa de Acollida e os dous pisos municipais de transición á vida autónoma
DIPU CORU convenio violencia a coruña
20 Nov 2026

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este venres o convenio de colaboración para financiar o funcionamento da rede municipal de acollida durante 2026.

Os tres recursos que xestiona o Concello da Coruña prestan servizo a mulleres de toda a provincia que sofren violencia de xénero, así como ás súas fillas e fillos e a outras persoas ao seu cargo.

A Casa de Acollida ofrece aloxamento temporal ás mulleres que precisan un espazo seguro e atención especializada para a súa recuperación. Pola súa banda, os dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma proporcionan unha vivenda temporal e apoio para que poidan vivir de forma independente e avanzar na súa incorporación social e laboral. Os tres recursos forman parte da Rede Galega de Acollemento.

Unha achega de máis de 120.000 euros

O orzamento previsto para o funcionamento da Casa de Acollida e dos pisos durante 2026 ascende a 541.254,15 euros. A Deputación financia o 22,34 % desta cantidade a través do seu Programa de apoio á rede de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero, cunha achega de 120.926,27 euros.

En 2025, o Concello xustificou 490.200,66 euros en gastos de mantemento destes recursos.

O convenio contribúe a financiar os gastos de persoal do equipo que atende a casa e os pisos, integrado por unha directora, dúas educadoras sociais e nove auxiliares de acompañamento doméstico. Tamén cobre parte do custo das subministracións e das reparacións e o mantemento dos edificios e da maquinaria.

Como acceder aos recursos de acollida

Na Coruña, as mulleres que precisen acollida poden acudir ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) ou aos servizos sociais municipais. Ambos os servizos poden orientalas e tramitar a solicitude de acceso á Rede Galega de Acollemento, da que forman parte a Casa de Acollida e os dous pisos.

Os centros de saúde e os hospitais tamén poden realizar a derivación.

0.15172910690308