A Coruña prepara un dispositivo especial de transporte e mobilidade para a xornada da eclipse solar

A Coruña contará cun dispositivo especial de mobilidade, transporte e seguridade de cara ao 12 de agosto, coincidindo coa eclipse solar total, un fenómeno astronómico para o que se agarda unha importante afluencia de persoas á cidade.
O Concello publicou un bando municipal no que se recollen as medidas previstas para esa xornada. Entre elas figura a habilitación dun servizo especial de transporte público con lanzadeiras entre os campus universitarios da Zapateira e Elviña, que funcionarán como aparcadoiros disuasorios, e a praza de Pontevedra. Ademais, reforzarase a liña 3A cara ao monte de San Pedro e o Portiño, cunha frecuencia de paso de 15 minutos, e activarase tamén o servizo especial de autobuses con motivo do Trofeo Teresa Herrera.
No ámbito da mobilidade, prevénse restricións de tráfico en distintos puntos da cidade, entre eles o paseo marítimo, a estrada do Portiño, o acceso ao monte de San Pedro e a contorna do estadio municipal de Riazor, dúas zonas que concentrarán boa parte das persoas que seguirán a eclipse.
O Concello recomenda á cidadanía observar o fenómeno desde os puntos habilitados nos distintos barrios para evitar desprazamentos innecesarios e facilitar a mobilidade durante a xornada. Tamén puxo en funcionamento un mapa interactivo coa localización destes espazos e coa información sobre os cortes de tráfico e o transporte especial.
Normativa específica para a hostalaría
De maneira excepcional, os establecementos de hostalaría poderán instalar barras no exterior previa comunicación á Área de Seguridade Cidadá, sempre que non interfiran coa circulación e garantan a accesibilidade. Ademais, entre as 20.15 e as 20.45 horas, coincidindo coa fase de totalidade da eclipse, non estará permitido o uso de equipos de son ou altofalantes na vía pública.
O dispositivo completarase coa instalación dun punto violeta fixo na Coiraza e outros itinerantes ao longo do paseo marítimo entre as Escravas e a fonte dos Surfeiros, que funcionarán entre as 18.00 e as 22.00 horas.