A Coruña organiza dúas novas Rutas Mariñeiras para coñecer a tradición pesqueira da cidade

ACoruñaXa
As actividades, gratuítas e con inscrición previa, celebraranse o 27 de agosto e o 17 de setembro e conectarán a lonxa da Coruña cos mercados de Elviña e Eusebio da Guarda
A CORUÑA mercado eusebia da guardia
24 Aug 2026

O Concello da Coruña continúa coa programación das Rutas Mariñeiras nos mercados municipais con dúas novas citas que permitirán coñecer de primeira man o percorrido dos produtos do mar desde a lonxa ata os mercados. As actividades celebraranse os días 27 de agosto e 17 de setembro, serán gratuítas e estarán dirixidas ao público adulto, aínda que contarán con prazas limitadas e será necesaria inscrición previa.

A iniciativa forma parte do proxecto 'Mercados Coruñeses II', no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. O programa busca poñer en valor os mercados locais e achegar á cidadanía o traballo que existe detrás da comercialización dos produtos pesqueiros.

'Os mercados son unha parte fundamental da identidade coruñesa, porque son o mar e os produtos gastronómicos da terra, de calidade e de proximidade', destacou o concelleiro Juan Ignacio Borrego, que sinalou tamén a importancia de desenvolver actividades 'dinámicas e lúdicas' para dar a coñecer o funcionamento desta rede de instalacións.

Tras as dúas primeiras rutas celebradas en xullo, as novas actividades permitirán achegarse á tradición pesqueira da Coruña a través dun percorrido guiado que conectará a lonxa cos mercados municipais. As rutas combinarán patrimonio, gastronomía e divulgación do sector pesqueiro, mostrando o funcionamento da cadea de comercialización dos produtos do mar e o papel que desempeñan tanto a lonxa como os mercados.

Durante o percorrido, as persoas participantes poderán asistir á poxa de peixe e marisco na lonxa da Coruña, coñecer o funcionamento da cadea de comercialización dos produtos pesqueiros e visitar diferentes espazos da cidade vinculados á súa tradición marítima e comercial.

As rutas tamén incluirán unha visita aos mercados municipais, onde as persoas participantes coñecerán o seu funcionamento directamente da man dos praceiros e praceiras, ademais de descubrir o valor do produto fresco e de proximidade e participar nunha degustación de produtos do mar vinculada á gastronomía local.

Dúas novas datas

A programación prevista para as próximas semanas inclúe dúas rutas:

  • 27 de agost o: da lonxa da Coruña ao mercado de Elviña.
  • 17 de setembro: da lonxa da Coruña ao mercado de Eusebio da Guarda.

As actividades son gratuítas, están dirixidas ao público adulto e contan con prazas limitadas, polo que é necesario realizar unha inscrición previa.

Poñer en valor o patrimonio pesqueiro

As Rutas Mariñeiras teñen como finalidade achegar a cidadanía á actividade pesqueira local e poñer en valor a lonxa e os mercados municipais como elementos fundamentais da economía e da identidade da Coruña.

O programa tamén pretende fomentar o consumo de produto fresco e de proximidade, divulgar o patrimonio cultural, gastronómico e arquitectónico da cidade, dar visibilidade ao papel das mulleres no sector pesqueiro e promover os principios da economía azul e da sostibilidade ambiental.

Deste xeito, as actividades ofrecen a oportunidade de coñecer A Coruña desde a súa relación co mar e descubrir o traballo das persoas profesionais que participan diariamente na comercialización dos produtos pesqueiros que chegan ás mesas da cidade.

0.12139987945557