A Coruña levará a saúde mental aos espazos de encontro da mocidade con 40.000 posavasos

ACoruñaXa
A campaña, impulsada polo Concello e APEM, recolle mensaxes escritas por persoas usuarias da entidade para combater os prexuízos e animar a falar do malestar emocional
Concello-da-Coruña-e-APEM-Día-da-Saúde-Mental
10 Oct 2026

O Concello da Coruña e APEM presentaron este sábado, 10 de outubro, coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, unha campaña de sensibilización que busca achegar esta cuestión á mocidade nos seus lugares habituais de encontro. A iniciativa pretende romper cos estigmas que aínda dificultan expresar o malestar emocional e favorecer que as persoas novas se animen a pedir axuda cando o precisen.

A proposta materializarase na edición de 40.000 posavasos repartidos en oito modelos diferentes, que incluirán frases redactadas por persoas usuarias de APEM a partir das súas propias experiencias. Entre as mensaxes figuran "Por fóra parece que todo vai ben. Por dentro, non sempre", "Non compares a túa vida coas redes: ninguén publica os días malos" e "Non necesito que me xulguen, só que me escoiten". Todas elas aparecerán identificadas coa atribución "Persoa usuaria de APEM".

O reverso dos materiais explicará a orixe dos textos coa mensaxe "Estas palabras son de quen as viviu" e incorporará o lema "Falar axuda. Escoitar, tamén", xunto cun código QR que permitirá acceder á información municipal sobre o Plan de Saúde Mental. Os posavasos distribuiranse coa colaboración da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería.

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participaron na presentación, celebrada no Círculo de Artesáns. Rey puxo o foco na necesidade de dar voz ás persoas que conviven con problemas de saúde mental e respectar a maneira na que deciden compartir as súas vivencias.

"As persoas usuarias de APEM escolleron o que querían dicir e como querían dicilo. Ás institucións tócanos escoitalas e axudar a que esas palabras cheguen a máis xente", manifestou a rexedora, que tamén reclamou á Xunta un reforzo dos servizos de atención psicolóxica e unha diminución dos tempos de espera. "Se animamos a xente a pedir axuda, temos que garantir que poida recibila a tempo e sen que dependa do que poida pagar", advertiu.

Pola súa banda, Canosa explicou que a campaña está pensada para chegar tamén a mozos e mozas que aínda non buscan información sobre saúde mental. A concelleira lembrou que as decisións relacionadas cos estudos, o traballo ou o inicio dunha vida independente poden estar acompañadas de incerteza e subliñou a importancia de escoitar estas preocupacións antes de que se convertan nunha situación de desbordamento.

"Temos que tomar en serio o que nos contan e facilitar que poidan falar antes de sentirse desbordadas ou desbordados", sinalou, ao tempo que animou a mocidade a coñecer e participar na iniciativa.

A campaña enmárcase no I Plan Municipal de Saúde Mental 2024-2028, concretamente nas liñas de sensibilización contra o estigma e de participación das persoas con problemas de saúde mental.

Durante o acto, Juan Vázquez Castro, usuario de APEM, leu o manifesto conmemorativo, nunha xornada na que tamén estiveron presentes integrantes da xunta directiva e outras persoas usuarias da entidade. Ao remate, os participantes desprazáronse ata a contorna da igrexa castrense para realizar unha fotografía xunto ao banco verde dedicado á saúde mental, que se incorpora aos elementos conmemorativos doutras causas de saúde instalados neste espazo da cidade.

0.12434887886047