A Coruña impulsa actividades extraescolares gratuítas para alumnado con necesidades especiais

ACoruñaXa
O CEE Nosa Señora do Rosario contará o próximo curso con 48 prazas en programas adaptados de deporte, arte e inclusión
Imaxe do CEE Nosa Señora do Rosario na Coruña
24 Jun 2026

O Concello da Coruña abriu o prazo de inscrición para un novo programa de actividades extraescolares gratuítas dirixidas ao alumnado con necesidades educativas especiais do CEE Nosa Señora do Rosario. Trátase dunha iniciativa pioneira que se desenvolverá durante o curso 2026-2027 e que busca ofrecer alternativas de lecer, deporte e desenvolvemento persoal adaptadas ás características deste alumnado.

O programa contará con 48 prazas distribuídas en cinco grupos e desenvolverase de luns a venres en horario de 15.00 a 17.00 horas, aínda que se prevén adaptacións nos horarios de saída para facilitar a conciliación das familias.

A oferta inclúe sesións de multideporte adaptado os luns, martes e xoves, con dez prazas por grupo; judo adaptado os mércores, tamén con dez prazas; e un grupo de creación artística e artes escénicas inclusivas os venres, con capacidade para oito participantes.

As actividades estarán impartidas por profesionais especializados. A Fundación ENKI encargarase do multideporte adaptado, mentres que o judo será coordinado por Eduardo Galán, adestrador internacional con ampla experiencia nesta disciplina. Pola súa banda, a actividade artística estará dirixida por Rebeca Ponte, especialista en arteterapia con experiencia en diferentes centros sanitarios e proxectos sociais.

O período de solicitude permanecerá aberto ata o 3 de xullo. A resolución das prazas publicarase o 10 de xullo e as familias dispoñerán entre o 15 e o 24 de xullo para formalizar a súa aceptación.

O programa desenvolverase entre o 1 de outubro de 2026 e o 18 de xuño de 2027 nas propias instalacións do centro educativo, evitando desprazamentos e facilitando a organización familiar. Ademais do alumnado matriculado no CEE Nosa Señora do Rosario, tamén poderán optar ás actividades estudantes escolarizados noutros centros que compatibilicen a súa formación con este colexio.

Esta iniciativa forma parte da aposta municipal por ampliar os recursos destinados á inclusión educativa e social. Neste sentido, o Concello tamén impulsa a renovación do patio do centro, un proxecto actualmente en licitación cun investimento superior aos 107.000 euros para adaptar os espazos exteriores ás necesidades específicas do alumnado.

0.11566209793091