A Coruña homenaxea á soprano internacional María Luisa Nache no centenario do seu nacemento

ACoruñaXa
A cidade da Coruña celebrará o centenario do nacemento de María Luisa Nache (1924-1985), unha das grandes voces da ópera internacional e figura clave na historia musical galega.
María Luisa Nache
23 Nov 2024

A cidade da Coruña celebrará o centenario do nacemento de María Luisa Nache (1924-1985), unha das grandes voces da ópera internacional e figura clave na historia musical galega. Baixo o título 'María Luisa Nache, na lembranza”, o Concello organiza un acto de homenaxe o próximo 25 de novembro, ás 19:00 horas, no hall da Biblioteca de Estudos Locais. O evento conta coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera e forma parte das iniciativas promovidas polo Goberno de Inés Rey para preservar o patrimonio cultural da cidade'

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliñou que esta celebración é “unha oportunidade única para recoñecer e divulgar a importancia dunha figura imprescindible da música galega e internacional”.

Programa do evento

A xornada comezará cunha presentación institucional e continuará coa conferencia titulada 'María Luisa Nache, a internacional soprano coruñesa', a cargo de José Luis Méndez Romeu. O relator repasará a traxectoria da artista e o papel de Ramiro Cartelle como gardián do seu legado.

Posteriormente, terá lugar un concerto homenaxe protagonizado pola soprano Clara Jelihovschi Panas, acompañada ao piano por Gabriel López Rodríguez. O repertorio estará baseado en pezas que marcaron a carreira de Nache.

Ademais, exporase unha mostra de fotografías históricas que recollen imaxes da soprano caracterizada nos seus principais papeis operísticos. A entrada ao acto será libre ata completar o aforo.

Parte do legado da artista consérvase na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña grazas á Colección Ramiro Cartelle, adquirida polo Concello no ano 2000. Este arquivo inclúe documentos, cartas e imaxes das súas actuacións, que estarán expostos durante o evento. Gonzalo Castro destacou que a homenaxe busca non só recoñecer a soprano, senón tamén salientar o papel das bibliotecas municipais como depositarias do patrimonio cultural coruñés.

A conmemoración incluirá tamén un vídeo dispoñible desde a tarde do 25 de novembro na web das bibliotecas municipais. O audiovisual, elaborado pola Biblioteca de Estudos Locais, afonda na vida e traxectoria de Nache, así como nos fondos que se conservan sobre ela.

Unha carreira internacional e un legado local

María Luisa Nache debutou no Teatro Rosalía de Castro en 1945 como protagonista da ópera 'Aída', iniciando unha brillante carreira que a levou aos mellores escenarios do mundo, incluíndo a Scala de Milán, onde actuou xunto a María Callas.

En 1963, no punto álxido da súa carreira, retirouse dos escenarios para dedicarse á docencia no Conservatorio Profesional de Música e Declamación da Coruña. Nos anos seguintes, estreou obras galegas, incluíndo pezas do mestre Groba, consolidando o seu compromiso coa cultura local.

En 1976, foi nomeada académica da Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña, un recoñecemento á súa contribución á música e á preservación do legado artístico galego.

Con esta homenaxe, a Coruña reafirma o seu compromiso coa divulgación das figuras máis destacadas da súa historia cultural, poñendo en valor o papel de María Luisa Nache como embaixadora internacional e referente da música galega.

0.16031002998352