A Coruña estrea a tempada de praias coas cinco bandeiras azuis nos seus areais urbanos

A Coruña abriu oficialmente a tempada de praias co izado da bandeira azul no areal de Riazor. A cidade mantén este verán as cinco distincións concedidas pola ADEAC nas praias de Riazor, Oza, Santo Amaro, O Orzán-O Matadoiro e As Lapas.
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, participou no acto e destacou que estes recoñecementos acreditan o cumprimento de criterios vinculados á calidade das augas, a información e educación ambiental, a limpeza, a recollida de residuos, a seguridade, os servizos e as instalacións.
As cinco praias urbanas da Coruña reciben este distintivo de maneira ininterrompida desde 2018. O Concello subliña que este mantemento responde ao traballo realizado para conservar os areais en bo estado durante todo o ano e garantir o seu uso pola veciñanza e polos visitantes.
O inicio da tempada chega acompañado dun operativo específico de seguridade e limpeza nas zonas de baño. O dispositivo conta con 42 efectivos de socorrismo e inclúe tamén a nova cobertura na plataforma de baño do Parrote.
Ademais, o Concello activou un programa intensivo de mantemento e recollida de residuos nos areais e nas súas contornas. Desde a administración local fan un chamamento á colaboración cidadá para manter limpas e coidadas as praias durante os meses de verán.