A Coruña amplía dos horas o horario dos locais de ocio polo Samaín e lanza unha campaña de concienciación

ACoruñaXa
O Concello promoverá o respecto ao descanso veciñal co lema 'Pásao de medo sen molestar aos demais' e organizará actividades gratuítas para a infancia nos centros cívicos
A CORUÑA campaña samain
27 Oct 2026

O horario dos locais de hostalería e ocio da Coruña ampliarase en dúas horas con motivo do Samaín, desde a noite do venres 30 de outubro ata as 23.00 horas do domingo 1 de novembro. A medida acompañarase dunha campaña de concienciación para fomentar o civismo e reducir os ruídos nocturnos, baixo o lema 'Pásao de medo sen molestar aos demais'.

A alcaldesa, Inés Rey, presentou este martes a iniciativa xunto a representantes do sector do ocio nocturno, da hostalería e do movemento veciñal. O obxectivo é compatibilizar as celebracións co dereito ao descanso das persoas residentes nos distintos barrios da cidade.

A campaña xa está en marcha con equipos de concienciación que percorren diferentes zonas de ocio para lembrar á clientela a importancia de manter unha actitude respectuosa coa veciñanza. A noite do 31 de outubro, unha 'Santa Compaña' tamén visitará estes espazos para promover boas prácticas durante os festexos.

A iniciativa inclúe a difusión de mensaxes nas redes sociais, a distribución de carteis e o reparto de materiais como tatuaxes, chapas e adhesivos. Ademais, realizarase un estudo para coñecer o perfil das persoas que saen celebrar o Samaín, a súa percepción sobre o impacto do ocio nocturno e a súa disposición a adoptar comportamentos máis cívicos.

A campaña enmárcase nas actividades da Coruña como Capital da Vida Nocturna de España 2026 e conta coa colaboración dos locais de ocio, das asociacións veciñais e de entidades especializadas na mediación e na concienciación cidadá.

Actividades gratuítas nos centros cívicos

A programación municipal de Samaín inclúe festas infantís, obradoiros creativos e contacontos en distintos centros cívicos. As propostas están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos e, nas actividades que o requiren, é necesaria a inscrición previa na conserxaría do centro correspondente.

O venres 30 de outubro celebraranse festas infantís de 17.00 a 20.00 horas nos centros cívicos de Palavea, San Diego e Cidade Vella, e de 18.45 a 21.45 horas no de Mesoiro.

O sábado 31 haberá obradoiros e contacontos pola mañá nos centros do Birloque, Santa Lucía, Pescadores, Sagrada Familia e Artesáns. Pola tarde, de 16.30 a 18.15 horas, desenvolveranse actividades nos centros de Feáns e A Silva. A xornada completarase con festas infantís de 17.00 a 20.00 horas nos centros de Monelos, Castrillón, Os Rosais e Monte Alto.

As actividades continuarán o sábado 7 de novembro con obradoiros e contacontos nos centros cívicos de San Pedro de Visma e Castro de Elviña, pola mañá, e festas infantís pola tarde nos Mallos, Eirís, Elviña e Novoboandanza.

Propostas na biblioteca e no espazo xuvenil

A programación complétase con outras actividades. Este xoves, ás 18.00 horas, a Biblioteca Fórum Metropolitano acollerá o obradoiro 'O bosque das ánimas lectoras', dirixido a nenos e nenas de 6 a 8 anos.

Pola súa banda, o espazo xuvenil O Remanso ofrecerá o 31 de outubro, ás 19.30 horas, unha proxección da película Fausto, de F. W. Murnau. O 7 de novembro, ás 18.30 horas, organizará un 'karaoke spooky' para mozos e mozas de entre 12 e 30 anos.

0.18174386024475