A Coruña acolle este sábado unha xornada de cine e reflexión contra o estigma do VIH

ACoruñaXa
Dúas curtametraxes e un coloquio con activistas de CASCO protagonizan o evento, que se celebra con motivo do Día Mundial da Sida
miradas contra o estigma
27 Nov 2024

O espazo cultural o Galgo Azul será o escenario este sábado, 30 de novembro, dunha xornada de cine e reflexión centrada na loita contra o estigma do VIH. A partir das 12:00 horas, e con entrada gratuíta, proxectaranse as curtametraxes '40 años alzando la voz' e 'Volcánica', seguidas dun coloquio aberto ao público.

A actividade, organizada no marco do ciclo 'Miradas contra o estigma', contará coa participación de activistas do Comité Anti Sida Coruña (CASCO), que achegarán as súas experiencias persoais e analizarán os retos que seguen a afrontar as persoas con VIH.

'40 años alzando la voz' explora o papel das ONG e asociacións na resposta ao estigma asociado ao VIH, mentres que 'Volcánica', protagonizada por Aitana Sánchez-Gijón, aborda os prexuízos cunha mirada irónica e reflexiva.

Este evento enmárcase no 'Pride Positivo', unha iniciativa que naceu en 2022 co obxectivo de reivindicar a igualdade de dereitos e a dignidade das persoas que viven con VIH. A acción tamén forma parte do festival de cine 'LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso', promovido pola asociación Palestra, que celebrará a súa terceira edición en 2025.

En Galicia, máis de 3.300 persoas recibiron un diagnóstico de VIH desde 2004, segundo o Instituto de Saúde Carlos III. O Pride Positivo pretende, a través da visibilidade e a sensibilización, romper coas barreiras sociais que aínda persisten.

0.1628839969635