A corporación municipal pecha filas para evitar o peche do Santander no polígono de Bergondo

ACoruñaXa
O pleno debaterá este 26 de marzo unha moción institucional para frear a clausura da sucursal, prevista para o 10 de abril, e reclamar garantías de acceso aos servizos bancarios no municipio
CONCELLO BERGONDO
Imaxe de Noelia Uceira
25 Mar 2026

A corporación municipal de Bergondo escenificará este xoves 26 de marzo un apoio unánime en defensa da continuidade da oficina do Banco Santander situada no polígono industrial. Todos os grupos políticos respaldarán en pleno, convocado para as 20.00 horas, unha moción institucional coa que o Concello tratará de evitar o peche definitivo desta sucursal, anunciado pola entidade financeira para o vindeiro 10 de abril.

A iniciativa, que parte dunha proposta inicial do Partido Popular e do BNG, alerta das consecuencias que esta decisión pode ter tanto para a veciñanza como para o tecido empresarial do municipio. Co peche da oficina do parque empresarial, a actividade bancaria concentraríase na sucursal de Sada, deixando Bergondo cun único punto de atención presencial.

Desde o Concello advirten de que esta medida supón un novo episodio de exclusión financeira no municipio. A administración local lembra que en marzo de 2021 o Banco Santander xa pechara as instalacións de Guísamo para trasladar a súa actividade ao polígono, un cambio que xa causara daquela un notable impacto social.

O goberno local pon o foco, ademais, no perfil da poboación afectada. Bergondo supera os 7.000 habitantes e arredor do 30 por cento dos seus veciños teñen máis de 65 anos, un colectivo para o que a atención presencial segue a ser fundamental. A isto súmase a relevancia do polígono industrial, o maior da comarca, cun importante volume de actividade económica e empresarial que tamén depende deste servizo.

A corporación considera que non se poden seguir reducindo prestacións básicas no ámbito local escudándose na dixitalización ou na reorganización das oficinas. Segundo sinala o texto da moción, o peche obrigaría a moitas persoas maiores, familias e empresarios a desprazarse a outros municipios ou a depender de terceiros para realizar operacións cotiás.

O Concello subliña que esta situación é consecuencia dun proceso continuado de concentración bancaria que levou a Bergondo de contar con catro sucursais operativas a quedar, en pouco tempo, cunha soa oficina con atención física. Por iso, a moción incluirá a petición formal para que a dirección do banco reconsidere a decisión e manteña aberta a sucursal do polígono.

Ademais, a proposta reclama ao Goberno central e á Xunta que impulsen medidas lexislativas para garantir o acceso aos servizos bancarios esenciais no municipio. O texto tamén recolle a posibilidade de que o Concello deixe de colaborar con aquelas entidades financeiras que non conten cunha oficina física nin ofrezan atención presencial en Bergondo.

0.13977193832397