A conciliación de verán abrirá en Paderne con cinco quendas para menores de ata 14 anos

ACoruñaXa
O Concello ofrecerá de balde o servizo desde o 1 de xullo ata o 4 de setembro, con inscrición aberta entre o 5 e o 29 de maio
PADERNE conciliación veran
5 May 2026

O Concello de Paderne porá en marcha este verán unha nova edición do seu programa de conciliación familiar, unha iniciativa gratuíta dirixida á rapazada de ata 14 anos e con preferencia para as familias empadroadas e residentes no municipio.

O prazo para anotarse abre hoxe, martes 5 de maio, e permanecerá dispoñible ata o día 29 deste mes. As persoas interesadas deberán presentar a documentación recollida nas bases do programa.

O servizo desenvolverase en cinco quendas: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 14 de agosto, do 17 ao 31 de agosto, agás o día 18 por ser festivo, e do 1 ao 4 de setembro de 2026. O horario será de 8.00 a 15.00 horas, con entrada flexible entre as 8.00 e as 9.00 horas e saída tamén flexible entre as 14.00 e as 15.00 horas.

As actividades terán como eixo principal a igualdade entre nenos e nenas. A programación incluirá propostas lúdicas, xogos cooperativos e iniciativas orientadas a traballar valores como o respecto, a igualdade, a resolución de conflitos e a promoción da cultura e da lingua galegas.

O programa levarase a cabo no Centro de Maiores, na Aula de Informática, na Biblioteca e no parque situado nas inmediacións da casa consistorial. Ademais, segundo as condicións meteorolóxicas, organizaranse actividades ao aire libre e visitas a entidades ou organismos da contorna.

A lista provisional de persoas admitidas publicarase a semana do 8 de xuño e pasará a ser definitiva no caso de que non se cubran todas as prazas. Se fose necesario, habilitarase un prazo de dous días hábiles para presentar alegacións. A relación definitiva publicarase a semana do 15 de xuño no taboleiro de anuncios do Concello de Paderne.

O alcalde, Sergio Platas, destacou a importancia desta iniciativa dentro da acción municipal. 'Este programa durante a época do verán é un dos piares fundamentais da nosa acción de goberno, posto que, á vez que ofrecemos un espazo de recreación para a cativada en igualdade de oportunidades, permitimos que pais e nais poidan conciliar a vida familiar e laboral nun período vacacional tan amplo', sinalou. O rexedor engadiu que o obxectivo é que a rapazada 'se divirta, aprenda en valores, conviva cos seus iguais e adquira hábitos saudables'.

0.11664509773254