A conciliación de verán abre prazo en Aranga con 48 prazas por quincena

ACoruñaXa
O programa 'Concilia Aranga 2026' estará dirixido a nenos e nenas de 4 a 14 anos e desenvolverase entre o 29 de xuño e o 7 de agosto
ARANGA programa concilia 2026
7 Jun 2026

O Concello de Aranga pon en marcha unha nova edición do programa 'Concilia Aranga', unha iniciativa pensada para facilitar a conciliación das familias durante o período estival e ofrecer actividades aos nenos e nenas do municipio.

A proposta está dirixida a menores de entre 4 e 14 anos e desenvolverase en tres quendas durante o verán. A primeira será do 29 de xuño ao 10 de xullo, a segunda do 13 ao 24 de xullo e a terceira do 27 de xullo ao 7 de agosto.

O horario xeral das actividades será de 10.00 a 14.00 horas. Ademais, o Concello ofertará servizo de mañanceiros de 8.00 a 10.00 horas, sempre que se acade un mínimo de sete participantes.

O programa contará con 48 prazas por quincena. Os nenos e nenas distribuiranse en catro grupos de 12 participantes cada un, co obxectivo de favorecer unha atención máis próxima e adaptada ás idades dos menores.

O custo será de 25 euros por quincena e inclúe as actividades extraordinarias previstas dentro da programación. Tamén se contemplan descontos, entre eles unha redución do 5% para o segundo irmán ou irmá e unha tarifa de 2 euros para persoas empadroadas en Aranga, segundo recolle a ordenanza reguladora.

Na adxudicación de prazas terán preferencia o alumnado do CEIP A Castellana, as persoas empadroadas en Aranga, as familias con proxenitores empregados, as familias vulnerables e aquelas cunha renda familiar inferior a tres veces o IPREM.

As familias interesadas deberán cubrir o formulario de preinscrición antes do 17 de xuño. Unha vez confirmada a praza, a inscrición definitiva terá que formalizarse antes do 24 de xuño, entregando a documentación requirida nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica.

0.1151978969574