A conciliación de verán abre inscricións con campamentos en Curtis e Teixeiro

O Concello de Curtis abriu o prazo de inscrición para os Campamentos Concilia no Verán 2026, unha proposta pensada para facilitar a organización das familias durante as vacacións escolares e ofrecer aos nenos e nenas un espazo seguro, educativo e lúdico.
As actividades desenvolveranse nos centros de ocio de Curtis e Teixeiro, en horario de 7.45 a 14.00 horas, e combinarán propostas deportivas, creativas, corresponsables, educativas e de lecer. O obxectivo é favorecer a conciliación familiar durante o período estival ao tempo que se promove a convivencia e a participación da infancia en actividades adaptadas á súa idade.
O programa organizarase en catro quincenas. A primeira será do 22 de xuño ao 3 de xullo; a segunda, do 6 ao 17 de xullo; a terceira, do 20 ao 31 de xullo; e a cuarta, do 3 ao 14 de agosto.
O prezo será de 20 euros por participante e quincena. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O prazo permanecerá aberto durante 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación oficial no Taboleiro de Anuncios e na páxina web municipal.
Unha vez revisada a documentación, publicarase unha listaxe provisional codificada, na que cada solicitude aparecerá identificada polo seu número de rexistro para garantir a protección dos datos persoais.
No caso de que se esgoten as prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase segundo o baremo de acceso por puntos recollido no Regulamento de Conciliación municipal. As familias poden ampliar a información nas dependencias municipais e no propio regulamento.