A comida solidaria contra o cancro en Ordes congrega a 380 persoas no pavillón Campomaior

ACoruñaXa
O encontro, celebrado o domingo, contou con representantes institucionais da comarca, profesionais do ámbito científico e sanitario, e numerosos veciños e veciñas que se sumaron á causa
Comida solidaria AECC Ordes
19 Oct 2026

A Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ordes celebrou o pasado domingo unha nova edición da súa tradicional comida solidaria, un encontro que congregou a 380 persoas no pavillón Campomaior. O obxectivo da cita era recadar fondos destinados a impulsar a investigación oncolóxica e a sosteñer os servizos gratuítos de atención a pacientes e ás súas familias.

A xornada volveu poñer de manifesto a implicación dos veciños de Ordes e dos concellos da contorna en todo o relacionado coa prevención, o diagnóstico e o tratamento desta enfermidade, ademais de contribuír a mellorar a calidade de vida de quen a padece.

Ao evento acudiron diversas personalidades vinculadas tanto á política local como ao ámbito da investigación. Entre os asistentes atopábase José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, así como José Manuel Castro Tubío, biólogo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Tamén participaron Xoán Miguel Concheiro, presidente da Xunta Local de Santiago da AECC, e Anxo Fernández Ferreiro, farmacéutico clínico universitario.

A cita contou así mesmo coa presenza de representantes doutros concellos da comarca, entre eles Roberto Rey, alcalde de Frades, e Fina Suárez, alcaldesa de Trazo, quen quixeron sumarse a esta iniciativa solidaria.

O menú da xornada correu a cargo do restaurante Casa Taboada, de Touro, mentres que a celebración se amenizou con música en directo e diversas sorpresas preparadas para quen participou no evento.

Esta nova edición da comida solidaria volveu contar co respaldo do Concello de Ordes. Dende a organización quixéronse trasladar unha mensaxe de agradecemento a todas as persoas que asistiron, ás entidades que colaboraron, aos establecementos que se implicaron na iniciativa e, en xeral, a todas aquelas que fixeron posible que esta cita solidaria volvera celebrarse un ano máis.

0.15745210647583