A CIG-Saúde denuncia presións sobre Atención Primaria para reducir as baixas laborais

A CIG-Saúde da Coruña denunciou a existencia de presións sobre as médicas e médicos de familia en relación coa xestión das incapacidades temporais e responsabilizou politicamente desta situación o Goberno do PP e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Segundo explica o sindicato, a Inspección Sanitaria está a citar profesionais que superan determinados niveis de pacientes en situación de baixa laboral co obxectivo de revisar estes procesos. A organización sindical asegura que, nalgúns casos, a presión continuaría mesmo despois da revisión, xa que os facultativos que deciden manter as baixas de acordo co seu criterio profesional serían posteriormente requiridos pola xefatura da Inspección.
A CIG-Saúde considera que este tipo de actuacións poden acabar condicionando a independencia clínica das e dos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria. O sindicato defende que estes profesionais, polo seu coñecemento dos pacientes e da súa situación médica, deben poder tomar decisións sen interferencias externas.
Neste contexto, a secretaria da CIG-Saúde da Coruña, Isabel Golpe, reclama explicacións á Xunta e pregunta se o obxectivo das actuacións da Inspección é garantir a protección da saúde das persoas traballadoras ou reducir as cifras de incapacidade temporal.
O sindicato tamén pide que se fagan públicas as posibles instrucións, rangos ou obxectivos establecidos pola Administración para diminuír o número de baixas laborais, no caso de que existan.
A organización sindical advirte, ademais, de que estas revisións e requirimentos supoñen unha carga adicional para unha Atención Primaria que xa afronta unha elevada presión asistencial. Ao seu xuízo, obrigar as e os profesionais a xustificar reiteradamente as súas decisións resta tempo á atención directa dos pacientes.
A CIG-Saúde da Coruña esixe ao PP e a Alfonso Rueda que poñan fin a estas prácticas e que respecten a independencia e o criterio profesional das médicas e médicos de familia. Isabel Golpe reivindica que as baixas laborais deben responder ás necesidades de saúde das persoas e non a obxectivos estatísticos, ao considerar que a protección das persoas traballadoras debe situarse por diante de calquera meta relacionada co número de incapacidades temporais.