A campaña de rozas enfronta ao PP e ao goberno local de Culleredo pola limpeza das estradas

A limpeza de cunetas, marxes de vías e terreos municipais abriu unha nova fronte política en Culleredo. O Partido Popular esixe ao goberno local información detallada sobre o grao de execución do contrato de rozas ante as queixas veciñais recibidas por atrasos en diferentes puntos do municipio, mentres que o Concello acusa aos populares de tentar xerar alarma con fins políticos.
O PP lembra que o prego do servizo fixa un primeiro período de corta entre o 1 de abril e o 30 de maio e advirte de que, a poucos días de rematar ese prazo, aínda hai estradas sen limpar en parroquias como Celas, Rutis ou Almeiras. Segundo os populares, a maleza acumúlase en beiravías e cunetas e mesmo chega a dificultar a visibilidade dalgunhas sinais de tráfico.
A portavoz popular, Izaskun García, reclama coñecer que zonas foron xa rozadas, cales permanecen pendentes e quen está supervisando o cumprimento do contrato. 'Non basta con adxudicar un contrato. O Concello ten que vixiar que se cumpra e dar resposta aos veciños', sinala.
O grupo popular solicita a relación de camiños, parcelas e espazos nos que se actuou nesta primeira fase, coas datas correspondentes, así como copia do plan aprobado polo Concello e dos informes mensuais remitidos pola empresa adxudicataria. Tamén pide identificar aos responsables municipais da dirección e control do servizo e saber se se abriu algún expediente ou apercibimento polo seu cumprimento.
Ademais, o PP pon o foco na xestión das demandas veciñais. Segundo indica, o contrato prevé que as queixas se canalicen a través dunha aplicación web de seguimento do servizo e que exista un interlocutor da empresa encargado de atender as peticións. Por iso, pregunta se esa ferramenta está operativa, quen a supervisa e onde queda rexistrada a resposta á veciñanza.
O goberno local, pola súa banda, rexeita as críticas e sostén que Culleredo conta cun contrato en vigor que inclúe actuacións de mantemento durante todo o ano. O Concello defende que a planificación se realiza con criterios técnicos, priorizando os puntos máis sensibles para a seguridade viaria, a visibilidade e a circulación.
Desde o executivo municipal sinalan que as condicións climatolóxicas de Galicia, e en especial a elevada humidade de zonas como Culleredo, provocan un crecemento rápido da vexetación durante a primavera. Por iso, consideran que adiantar de forma xeralizada as rozas por presión política podería facer que moitos espazos volvesen presentar o mesmo problema poucos días despois, cun uso menos eficiente dos recursos públicos.
O Concello asegura que os traballos xa se están desenvolvendo en diferentes puntos do municipio e que continuarán nas vindeiras semanas dentro da campaña xeral. O goberno local defende que a veciñanza precisa 'información rigorosa e responsabilidade institucional' e insiste en que seguirá actuando con planificación, criterios técnicos e sentido común para manter os espazos públicos e reforzar a seguridade nas vías municipais.