A Cabalgata de Reis de 2027 busca 50 nenos e nenas para acompañar as Súas Maxestades en Culleredo

Cincuenta nenos e nenas poderán acompañar os Reis Magos como paxes e figurantes na Cabalgata que percorrerá Culleredo o vindeiro 5 de xaneiro de 2027. O Concello abrirá o 23 de novembro o prazo para participar no desfile, dirixido a menores que teñan entre 8 e 10 anos a data do 1 de xaneiro de 2027.
As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do 23 de novembro ata as 00.00 horas do 2 de decembro a través da sede electrónica municipal. Será necesario achegar o impreso de participación, dispoñible na páxina web do Concello. Deberá tramitarse unha solicitude por cada menor, tamén no caso de irmáns e irmás.
Os nenos e nenas empadroados en Culleredo terán preferencia para acceder ás prazas. Se o número de solicitudes supera as 50 dispoñibles, a adxudicación realizarase mediante un sorteo público, que terá lugar o 15 de decembro ás 11.00 horas no Centro Municipal Pablo Picasso.
Datas e reparto das prazas
O Concello publicará a lista provisional de persoas admitidas o 7 de decembro no taboleiro do Centro Municipal Pablo Picasso, mentres que a relación definitiva darase a coñecer o día 11. Cada solicitude recibirá un número e, a partir do que resulte seleccionado no sorteo, asignaráselles aos participantes a súa carroza, comezando polas tres reais e continuando polas de animación. Unha vez realizado o reparto, non se admitirán cambios.
Tras o sorteo, as familias recibirán un correo electrónico coa información sobre o lugar, o día e a hora para recoller o vestiario. Ademais, habilitarase unha lista de agarda para cubrir posibles baixas. As familias dos menores admitidos que finalmente non poidan participar deberán comunicalo o antes posible a través do correo turismo@culleredo.es.
As persoas interesadas poden consultar as bases na web municipal ou solicitar máis información ao servizo de Dinamización Local no teléfono 981 664 204.