A atención no fogar a maiores manterase cun contrato de 1,9 millóns

O Goberno municipal de Oleiros renovou por un ano máis o contrato do Servizo de Axuda no Fogar e comida sobre rodas, unha prestación considerada clave para apoiar a persoas maiores e con necesidades de atención nos seus propios domicilios. A prórroga conta cun investimento de 1,9 millóns de euros e permitirá manter a asistencia a máis de 200 veciños e veciñas do municipio.
O servizo inclúe atención persoal para actividades básicas e instrumentais da vida diaria, así como apoio de carácter psicosocial e educativo. Tamén contempla recursos técnicos como cadeiras de rodas, grúas ou camas articuladas, ademais de prestacións complementarias de podoloxía, fisioterapia, perruquería ou desprazamentos en taxi, entre outras necesidades.
Desde o Concello destacan que este tipo de contrato contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e a reforzar a súa autonomía persoal. Un dos principais obxectivos é favorecer que poidan permanecer no seu fogar o maior tempo posible, evitando ou atrasando o ingreso nun centro residencial cando exista unha alternativa de apoio no domicilio.
A prestación tamén busca ofrecer respaldo ás persoas coidadoras, incrementar a sensación de seguridade dos usuarios e previr a perda de autonomía. Ademais, pode servir de complemento no coidado de menores cando os seus proxenitores ou titores teñen dificultades para garantir a cobertura das súas necesidades básicas.
As persoas beneficiarias continuarán aboando o servizo en función da súa renda, aínda que na maior parte dos casos a bonificación aplicada polo Concello é do 100%.