A Asociación Fagamos leva a Arteixo unha campaña para visibilizar os coidados e promover a corresponsabilidade

A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (Fagamos) organizará o vindeiro xoves 29 de outubro en Arteixo a xornada ‘Moito que facer: coidados compartidos’, unha iniciativa para sensibilizar sobre a importancia de repartir as responsabilidades familiares e implicar o conxunto da sociedade no apoio ás persoas coidadoras.
A actividade desenvolverase no Centro Cívico Cultural Manuel Murguía, situado na rúa Alcalde Baldomero González, coincidindo co Día Internacional dos Coidados e o Apoio. A través desta campaña, a entidade busca poñer o foco no traballo diario que implica sacar adiante unha familia, incluídas as tarefas domésticas e de atención que non sempre son visibles, e nas dificultades que afrontan quen non dispoñen dunha rede de apoio.
A proposta parte dunha pregunta: que acontecería se houbese que facelo sempre todo sen axuda? Fagamos pretende abrir unha reflexión sobre como se distribúen os coidados entre mulleres e homes e sobre a necesidade de avanzar cara a modelos máis igualitarios. A entidade tamén chama a ampliar o concepto de corresponsabilidade máis alá do ámbito familiar, implicando as administracións públicas, as entidades sociais e a propia comunidade.
Esta cuestión ten especial relevancia nas familias monoparentais, nas que unha única persoa adulta asume as responsabilidades familiares, domésticas e de conciliación. Segundo os datos achegados por Fagamos, arredor do 80 % destas persoas son mulleres, o que evidencia a importancia de contar con recursos e apoios que permitan afrontar os coidados sen asumir toda a carga en solitario.
A campaña busca, ademais, fomentar masculinidades igualitarias e unha maior implicación dos homes nas tarefas de coidado e na participación comunitaria.
Asesoramento e faladoiro aberto á cidadanía
A programación comezará ás 17.00 horas cun punto de asesoramento aberto ao público, que permanecerá activo ata as 19.00 horas. Nel ofrecerase información sobre corresponsabilidade e voluntariado en Fagamos, así como atención ás familias monoparentais sobre recursos dispoñibles e cuestións relacionadas coas súas necesidades específicas.
Ás 19.00 horas celebrarase unha charla informativa seguida dun faladoiro para abordar cuestións como os usos do tempo, as desigualdades de xénero e a realidade das familias monoparentais. A xornada permitirá tamén coñecer o Plan de Voluntariado da asociación e as distintas formas nas que a cidadanía pode colaborar no apoio a estas familias.
A actividade será gratuíta e de acceso libre, e conta coa colaboración do Concello de Arteixo, a través da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación.
‘Moito que facer: coidados compartidos’ forma parte de ‘Currunchiños de Conciliación’, un programa de Fagamos que en 2026 recibiu o recoñecemento Medrando Xuntas na categoría de Maior Impacto Social. A iniciativa está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdad, no marco do Plan Corresponsables.