A aposta pola igualdade suma novos recoñecementos en Curtis cos premios 'Sementes de Igualdade'

O Concello de Curtis estreou este sábado, 25 de abril, os galardóns 'Sementes de Igualdade', unha iniciativa coa que o goberno local busca recoñecer publicamente traxectorias e proxectos que contribúen a avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
A entrega celebrouse no edificio de usos múltiples de Teixeiro e estivo presidida polo alcalde, Javier Caínzos, e pola directora de Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintela. Ao acto asistiron tamén representantes da corporación municipal, familiares das persoas homenaxeadas e veciñanza.
Nesta primeira edición, os recoñecementos recaeron en José Ángel Vázquez Yáñez, director do Centro Penitenciario de Teixeiro, e na xuíza Ana Rodríguez Piorno.
No caso de Vázquez Yáñez, o Concello destacou o seu traballo para incorporar a perspectiva de xénero no ámbito penitenciario. Entre as medidas impulsadas durante a súa etapa á fronte do centro figuran o módulo mixto Nelson Mandela, a posta en marcha dunha sala de lactación para traballadoras e internas e o apoio ao programa 'Ser Muller'.
Ana Rodríguez Piorno foi distinguida pola súa sensibilidade no exercicio da función xudicial en Betanzos. O xurado valorou especialmente a implantación dun sistema de declaración pensado para vítimas e menores, co obxectivo de reducir a súa exposición e limitar o impacto emocional dentro do procedemento xudicial.
Durante a súa intervención, Javier Caínzos reivindicou a traxectoria do Concello de Curtis en materia de igualdade, unha liña de traballo que, segundo lembrou, comezou en 1999 e que se consolidou en 2004 coa creación do Centro de Información á Muller. O rexedor tamén puxo en valor o labor desenvolvido polas responsables da área de Benestar ao longo destes anos, entre elas Ana Mahía, Esther Lago e Eva Lata.
O goberno local subliñou que Curtis conta actualmente co seu V Plan de Igualdade e cun percorrido recoñecido dentro e fóra de Galicia. Entre os fitos destacados figuran o primeiro protocolo de actuación para casos de violencia de xénero de España, aprobado en 2016, dúas distincións da FEMP en 2018 e 2019 por programas innovadores e a Medalla ao Mérito Social Penitenciario recibida en 2022 polo labor en materia de reinserción.
O acto pechouse cun agradecemento ao persoal do CIM e da área de Benestar Social, considerados pezas clave na consolidación das políticas municipais de igualdade. Co nome 'Sementes de Igualdade', o Concello quere simbolizar que cada avance actual contribúe a construír unha sociedade máis libre, segura e igualitaria para as próximas xeracións.