A alcaldesa de Betanzos propón a Paradores a construción dun local no centro histórico

ACoruñaXa
O proxecto ten como meta a dinamización da zona vella da cidade e cubrir o seu déficit de oferta hostaleira
Betanzos Paradores
26 Jan 2024

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, mantivo este xoves unha reunión coa presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, para presentarlle a construción dunha instalación hostaleira no centro histórico da cidade.

O proxecto presentando pola primeira edil ten dous obxectivos principais: por unha banda, contribuír á dinamización do centro histórico e, por outra, cubrir o déficit de oferta hostaleira que ten a cidade, onde “existe unha boa oferta canto a calidade, mais non en cantidade”.

Para o goberno local poder contar cunha nova proposta hostaleira suporía un “paso máis no proxecto integral de revitalización desta parte da cidade no que traballa o Concello en varias frontes e que, sen dúbida, non só beneficiará a esta zona de Betanzos senón que será un motor para o resto da cidade”. Ademais, Raquel Sánchez trasladoulle á alcaldesa a intención desde Paradores de estudar a proposta que “ve con bos ollos” á espera de ter unha nova reunión para avanzar en posibles localizacións e aspectos técnicos.

A socialista expúxolle á presidenta a posibilidade de crear estas instalacións nalgún recinto ou edificio singular do centro histórico. “Existen varias posibilidades e liñas de traballo para facer realidade o proxecto, que sen dúbida non só sería bo para Betanzos senón para a comarca e A Coruña, que non conta con ningún Parador. Betanzos por historia, por características de cidade, cumpre perfectamente coas esixencias para albergar este tipo de establecementos hostaleiros e formar parte dunha rede que, sen dúbida, potenciaría un tipo turismo do que agora carecemos”.

 

0.14796996116638