900.000 luces LED iluminarán Betanzos desde este venres, con novos adornos na cidade e no rural

ACoruñaXa
O acendido será ás 19:00 horas na praza García Naveira e estará protagonizado pola Asociación Xóvenes do Pobo, que celebra o seu 50 aniversario
BETANZOS luces nadal (3)
26 Nov 2026

Betanzos dará a benvida ao Nadal este venres, 27 de novembro, cun acendido que chegará acompañado de importantes novidades na decoración das rúas. O Concello instalou un total de 900.000 luces LED e estendeu os adornos a todos os núcleos e parroquias do rural, ademais de incorporar novas figuras e elementos luminosos no centro urbano.

A cita comezará ás 19:00 horas na praza García Naveira, epicentro da iluminación do Nadal. O acendido correrá a cargo da Asociación Xóvenes do Pobo, que este ano celebra o seu 50 aniversario. A alcaldesa, María Barral, destacou que será 'unha forma redonda de rematar o ano' dedicado a esta entidade. O acto contará tamén con música e unha chocolatada para os nenos e nenas.

Entre as principais novidades desta edición figuran unha campá xigante no adro de San Domingos, un túnel de luz no centro da praza García Naveira e o nome de Betanzos iluminado. Tamén se instalaron figuras de anxos na entrada da Porta da Vila, que dá acceso ao casco histórico. Pola súa banda, a praza da Constitución acollerá as figuras das Súas Maxestades os Reis Magos.

A iluminación esténdese este ano a un maior número de rúas e suma máis arcos luminosos e motivos decorativos. O obxectivo do goberno local é reforzar o atractivo do Nadal da cidade, recuperar a súa posición como referente destas datas e animar a veciñanza e as persoas visitantes a percorrer tanto o casco histórico como o resto do municipio. Por primeira vez, todos os núcleos do rural contan tamén con algún elemento do Nadal.

O Concello convidou ademais o alumnado dos colexios Nosa Señora de Atocha e Vales Villamarín, desde Educación Infantil ata sexto de Primaria, a participar na chocolatada prevista para a xornada do acendido.

Dúas citas diferenciadas se Betanzos gaña o concurso

A alcaldesa quixo aclarar que a iluminación municipal prevista para este ano se acenderá o 27 de novembro con independencia do resultado de Betanzos no concurso 'Xuntos brillamos máis', de Ferrero Rocher. Barral explicou que a decoración instalada responde ao proxecto do Concello e que xa estaba prevista antes de coñecerse o desenlace da competición.

A participación no concurso podería engadir unha segunda cita. Se Betanzos resulta gañadora, a marca instalaría unha iluminación especial nunha praza ou espazo do casco histórico, que contaría cun novo acendido o 16 de decembro. 'As dúas cousas teñen moito que ver, pero non son o mesmo', sinalou a rexedora, que animou a achegarse á localidade tanto para o acto deste venres como para gozar do seu ambiente do Nadal.

A votación do concurso permanece aberta ata o 30 de novembro. Ese día coñeceranse os cinco municipios que pasarán á final entre as 17 localidades que compiten actualmente. Se Betanzos supera esta fase, participará nunha nova votación do 30 de novembro ao 7 de decembro e, posteriormente, na última rolda, do 7 ao 14 de decembro, cando se anunciará o municipio gañador.

0.098119020462036