400.000 euros impulsan a futura sede da Mancomunidade de Ordes

A futura sede da Mancomunidade de Ordes dá un novo paso coa achega de 400.000 euros por parte da Deputación da Coruña. A colaboración provincial permitirá cofinanciar a rehabilitación e ampliación do edificio administrativo situado no número 41 da rúa Nova, unha intervención que conta cun orzamento global de 1.395.380,24 euros.
A partida provincial supón o 28,6% do investimento previsto e foi incorporada ao expediente de modificación de créditos aprobado polo pleno da Deputación no mes de abril. A súa tramitación completarase mediante un convenio entre a institución provincial e o Concello de Ordes.
O proxecto permitirá transformar o inmoble nun espazo adaptado ás necesidades actuais da Mancomunidade, con melloras en accesibilidade, eficiencia enerxética e distribución interior. O edificio acollera anteriormente a oficina agraria comarcal e o distrito forestal da Xunta, servizos que foron trasladados ao antigo espazo de ExpoOrdes, xunto á N-550, tras unha permuta coa Consellería de Medio Rural.
A actuación inclúe a instalación dun ascensor para garantir o acceso a todas as plantas, a renovación das carpinterías exteriores, a mellora do illamento térmico e a actualización dos sistemas de climatización e ventilación. Tamén se reorganizarán os espazos interiores para facilitar unha atención máis funcional e cómoda á cidadanía.
A nova sede superará os mil metros cadrados construídos e repartirá os seus servizos en varias plantas. A baixa reservarase para servizos sociais e administración xeral; a primeira contará con despachos para diferentes áreas da entidade; a segunda acollerá o Centro de Información á Muller; e a terceira disporá dunha sala de xuntas e dunha aula de formación.
Coa intervención, a Mancomunidade de Ordes contará cun equipamento centralizado para reforzar a prestación de servizos compartidos na comarca, especialmente nos ámbitos sociais, de igualdade, orientación laboral e atención administrativa.
A Deputación enmarca esta achega nun volume de investimentos no municipio de Ordes que, segundo os datos da institución provincial, alcanza os 27,7 millóns de euros nos últimos dez anos. Dese total, 15,4 millóns corresponden ao Plan Único.