300 nenos e nenas participaron na segunda edición da Mini BTT de Abegondo

Abegondo converteuse o pasado sábado no punto de encontro de centos de afeccionados á bicicleta de montaña coa celebración da segunda edición da Mini BTT, unha cita organizada polo club ciclista Gacela en colaboración co Concello.
A competición reuniu a 300 pequenos ciclistas, de entre 3 e 14 anos, procedentes de diferentes localidades de Galicia, que participaron nunha xornada dedicada ao deporte base.
O escenario da proba foi Cancelada, unha contorna rural situada a poucos metros de San Marcos, onde se acondicionou un circuíto con distintos percorridos e obstáculos adaptados ás diferentes categorías.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, asistiu á competición e participou na entrega de trofeos xunto coa concelleira Francisca Bestilleiro e o presidente do club Gacela, Gabriel Ramos.
A organización destacou tamén o ambiente vivido ao longo de toda a fin de semana. Desde o venres comezaron a chegar os equipos participantes, moitos deles en autocaravana, polo que se habilitou unha zona específica no propio recinto do circuíto para facilitar a súa estancia.
Durante a xornada, Santiso felicitou ao club organizador pola iniciativa e asegurou que se trata de “unha gran iniciativa para promover o deporte base”. O rexedor engadiu que “Apoiar ao deporte é apoiar o benestar e sempre contaredes co Concello de Abegondo”.