1,5 millóns para ampliar o saneamento na zona sur de Orto e Crendes

ACoruñaXa
A actuación permitirá completar a rede de condución de augas residuais nunha zona próxima ao encoro de Abegondo-Cecebre e está prevista para 2027 e 2028
ABEGONDO preninsula crendes
5 Sep 2026

A zona sur das parroquias de Orto e Crendes contará cunha nova fase das obras de saneamento cun investimento de 1.529.288,74 euros. A actuación permitirá ampliar a rede de condución de augas residuais nun ámbito próximo ao encoro de Abegondo-Cecebre, unha contorna incluída na Rede Natura e que serve como fonte de abastecemento para varios municipios.

O proxecto contempla a creación dunha nova rede de saneamento e a instalación dun sistema de impulsión de augas residuais, necesario debido á orografía do territorio. As novas canalizacións conectaranse cun colector xeral xa existente para conducir posteriormente as augas residuais ata a estación depuradora.

A intervención desenvolverase ao abeiro dun convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Abegondo. A administración autonómica asumirá o 80% do investimento, cunha achega de 1.223.430,99 euros, mentres que o Concello achegará os 305.857,75 euros restantes.

Do financiamento de Augas de Galicia, o 60% procederá do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

As obras están programadas para as anualidades de 2027 e 2028. O Concello xa aprobou mediante resolución o convenio e a correspondente achega económica, aínda que o acordo deberá ser ratificado polo pleno municipal antes da súa formalización.

Unha vez rematados os traballos, o Concello asumirá a titularidade das obras e a súa posta en servizo, explotación, conservación e mantemento durante un período mínimo de cinco anos.

Esta nova actuación dará continuidade ás diferentes fases de saneamento executadas nos últimos anos na península de Orto e Crendes, que acumulan xa un investimento superior aos 1,5 millóns de euros. A previsión é seguir ampliando a cobertura dun servizo nunha zona na que se estima que poderían residir arredor de 1.500 persoas en 2042.

0.14875292778015