15 locais da provincia da Coruña únense á V Ruta de Tapas e Pinchos de Galicia

Quince establecementos da provincia da Coruña participan na V Ruta de Tapas e Pinchos de Galicia, unha iniciativa que se celebra do 9 ao 18 de outubro e que busca achegar ao público a diversidade da gastronomía galega a través de pequenas elaboracións. A ruta reúne locais das catro provincias e pon o foco no produto local, na creatividade e no traballo dos profesionais da hostalaría.
Os locais coruñeses participantes son Pazo de Vilaboa, BaceLO, Arraigo, Roots, Central Park, D'Obra Gastro, Zahara Ferrol Restaurante, El Rincón Siciliano, Bar Sinxelo, Nou Sabor a Mar, Restaurante Savi, Cervecería PJ, Café Bar Marineda e El Olivo Cocina & Bar.
As propostas que se poderán degustar están pensadas para ser consumidas en poucos bocados e ofrecen diferentes interpretacións da gastronomía galega. A ruta combina produtos do mar e da horta con carnes, queixos, pan e viño, apostando por elaboracións nas que a materia prima comparte protagonismo coa técnica e a creatividade.
A iniciativa está impulsada pola Deputación de Ourense, a través do Inorde, e Turismo de Galicia, e está organizada pola Academia da Tapa e do Pintxo. A participación de locais de todo o territorio permite percorrer Galicia a través das súas barras e descubrir distintas formas de entender a cociña en miniatura.
Unha antesala para o Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia
As elaboracións da ruta servirán tamén como escaparate previo ao V Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia, que reunirá profesionais das catro provincias os días 19 e 20 de outubro no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos. A competición contará con ata 50 profesionais da hostalaría galega.
Durante a ruta, os establecementos participantes estarán identificados co cartel oficial da iniciativa, no que tamén figurará o nome da tapa que ofrecen. O público poderá consultar as propostas e os locais participantes a través dos perfís da Academia da Tapa e do Pintxo nas redes sociais.
A organización anima ademais os clientes a compartir as súas experiencias durante a ruta mediante a etiqueta #roteirotapasgalicia e mencionando á Academia, co obxectivo de dar visibilidade ás creacións dos establecementos e ao traballo dos profesionais que participan.
A V Ruta de Tapas e Pinchos de Galicia convértese así nunha oportunidade para descubrir en pequeno formato produtos e sabores de diferentes puntos da comunidade, ao tempo que serve de escaparate para o talento da hostalaría galega.