Yolanda Díaz reivindica na Coruña o papel das cooperativas nos coidados, a vivenda e a inclusión

ACoruñaXa
A vicepresidenta segunda do Goberno participou nun encontro organizado por EspazoCoop con entidades galegas que traballan en servizos esenciais, vivenda colaborativa e intervención social
A CORUÑA yolanda diaz cooperativas
2 May 2026

A Coruña acolleu este sábado o encontro Coidar, habitar, incluír, unha xornada organizada pola Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop no Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio. A cita reuniu a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, a Secretaria de Estado para a Economía Social, a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, e representantes de distintas cooperativas galegas vinculadas aos coidados, á vivenda colaborativa e á intervención social.

Durante a sesión, que se prolongou durante arredor de dúas horas, as entidades participantes expuxeron os seus proxectos e trasladaron á ministra as necesidades dun sector que busca consolidarse como unha alternativa sólida para responder a retos sociais cada vez máis urxentes. Entre as iniciativas presentadas figuraron modelos de Casas do Maior na Costa da Morte, servizos sociosanitarios nas Somozas, proxectos educativos en Carballo, intervención social en Ribeira e propostas de vivenda en cesión de uso na Coruña, Santiago de Compostela e outros puntos de Galicia.

Yolanda Díaz agradeceu o labor diario das cooperativas, das que destacou a súa capacidade para acompañar procesos vitais, garantir dereitos, abrir oportunidades e construír contornas máis inclusivas. A ministra tamén puxo en valor a Lei Integral de Impulso da Economía Social, unha reforma coa que o Goberno pretende actualizar o marco normativo do sector, reforzar o recoñecemento das entidades de economía social e facilitar novas fórmulas como a vivenda cooperativa en cesión de uso, as comunidades enerxéticas ou o comercio xusto.

Díaz subliñou ademais a importancia da Conta Satélite da Economía Social, que permite medir con maior precisión o peso económico e laboral deste ámbito. Segundo os datos trasladados no encontro, a economía social representa xa o 11,1% do PIB e xera 2,5 millóns de empregos.

A presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, defendeu que as cooperativas galegas non son experiencias illadas nin proxectos minoritarios, senón un modelo empresarial maduro, sostible e con capacidade de medrar. Na súa intervención reclamou políticas públicas adaptadas á realidade cooperativa, unha fiscalidade actualizada e ferramentas que faciliten o relevo xeracional no tecido empresarial galego.

Olveira afirmou que estas entidades demostran que é posible prestar servizos esenciais ‘con máis democracia, máis territorio e máis persoas no centro’. Tamén destacou a diversidade das cooperativas presentes, desde entidades que coidan persoas maiores e crianzas ata proxectos de vivenda accesible ou iniciativas dirixidas a colectivos en situación de exclusión.

No encontro participaron, entre outras entidades, Colectivo Colaxe, Chanzo a Chanzo, Atoupa, Lenda Educativa, Enraizando, Outra Forma de Vivenda co proxecto As Lavandeiras, Alvariza, O Fogar na Ulla, Agrelar Consultoría e Fiare Banca Ética.

EspazoCoop é unha entidade multisectorial de ámbito galego que agrupa cooperativas de diferentes clases e traballa para representar os seus intereses, fomentar a intercooperación e promover o cooperativismo como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico dentro da economía social e solidaria.

0.13650608062744