Xoel López e Caamaño&Ameixeiras levan a romaría indie de San Xoán ao porto da Coruña

ACoruñaXa
Noites do Porto abre hoxe o seu escenario principal no peirao de Batería cunha noite de música galega, sardiñas e concertos desde as 22.00 horas
A CORUÑA xoel lopez san xoan
23 Jun 2026

A música galega será protagonista este martes, 23 de xuño, no peirao de Batería da Coruña. O festival Noites do Porto traslada a súa programación ao recinto portuario coincidindo coa noite de San Xoán, nunha xornada que mesturará tradición, pop contemporáneo, música de raíz e o ambiente propio dunha das celebracións máis agardadas do ano.

As portas do recinto abrirán ás 21.00 horas cunha sesión de DJ de benvida. Ademais dos concertos, o público poderá gozar dunha das propostas gastronómicas máis ligadas á Noite Meiga: as sardiñas, que chegarán para a ocasión desde Malpica.

Os directos comezarán ás 22.00 horas con Caamaño&Ameixeiras. O dúo presentará no escenario coruñés os temas de 'Quitar o aire', un traballo no que afonda na conexión entre a música tradicional, o folk e novas sonoridades próximas ao pop.

O prato forte da noite chegará á medianoite, tras os fogos artificiais, co concerto de Xoel López. O músico coruñés regresará aos escenarios da súa cidade para repasar algunhas das cancións máis recoñecibles da súa traxectoria e presentar o seu último disco de estudo, 'Oniria Popular'.

A actuación contará tamén con convidados especiais, entre eles Javier Calequi e Luisa Corral, de Calequi y las Panteras, ademais das propias Caamaño&Ameixeiras, nunha noite deseñada como unha romaría indie fronte ao mar.

A cita supón a primeira gran xornada de concertos da sexta edición de Noites do Porto no peirao de Batería, despois da inauguración celebrada este luns no Jazz Filloa. O festival continuará o 25 de xuño en Garufa Club co estreno en Galicia de La Tania e a actuación do galego Gitano de Palo.

0.12849998474121