Xabóns naturais e consumo responsable nun novo taller en Arteixo

Arteixo acollerá o sábado 13 de xuño unha nova edición do taller de xabóns naturais, unha actividade pensada para achegar ás persoas participantes ás técnicas básicas da xabonería artesanal e promover un consumo máis consciente e respectuoso coa pel e co medio ambiente.
A proposta, de nivel iniciación, está dirixida a persoas afeccionadas á ecoartesanía e será impartida por Claudia Moar. Durante a sesión traballarase con ingredientes naturais, aromas e aceites vexetais, explorando fórmulas sinxelas para elaborar xabóns artesáns e reducir o uso de produtos industriais e envases innecesarios.
O obradoiro permitirá coñecer os principios da saponificación, as materias primas empregadas na elaboración de xabóns e as normas básicas de seguridade. Tamén se realizará unha fórmula de xabón mediante proceso en frío, que cada participante poderá levar consigo ao remate da actividade.
A programación incluirá ademais a elaboración dunha receita con leite, prestando atención ao control de temperaturas e ás particularidades deste tipo de preparación, así como unha introdución á extracción de aceite a partir de oleatos e ao seu uso na formulación de xabóns.
O taller celebrarase de 10.00 a 14.00 horas no parque municipal de Monticaño, en Pastoriza. O prezo será de 25 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientes de SUMARTE e colectivos asimilados, e de 35 euros para a inscrición xeral.
A actividade contará con 15 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición, con prioridade para as persoas empadroadas no Concello de Arteixo e para clientes de Sumarte, Servizo Municipal de Augas, e BiciArteixo. As solicitudes que queden sen praza asignada pasarán á lista de agarda.