Xa é posible inscribirse na XXXIII Carreira Popular de Cambre, que volverá reunir a centos de corredores en agosto

ACoruñaXa
A proba celebrarase o 15 de agosto, será gratuíta en todas as categorías e formará parte do XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña
CAMBRE carreira
30 Jul 2026

O Concello de Cambre abriu o prazo de inscrición para participar na XXXIII Carreira Popular, unha das citas deportivas máis consolidadas do municipio, que regresará o sábado 15 de agosto cun percorrido adaptado a todas as idades e niveis.

A participación será gratuíta en todas as categorías e as inscricións poderán formalizarse ata o mércores 12 de agosto ás 20.00 horas a través da plataforma Carreiras Galegas. A saída da proba absoluta está prevista para as 10.00 horas, diante da Casa do Concello.

A carreira volverá formar parte do XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, un calendario que reúne algunhas das probas populares máis destacadas da provincia. A proba absoluta contará cun percorrido aproximado de 7,3 quilómetros, mentres que as categorías inferiores disputarán distancias adaptadas ás súas idades, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva desde a infancia.

Con máis de tres décadas de historia, a Carreira Popular de Cambre converteuse nun dos eventos deportivos de referencia do verán no municipio, reunindo cada ano a centos de corredores afeccionados e federados, ademais de numerosas familias que participan nas probas infantís.

Desde o Concello animan á veciñanza e aos amantes do atletismo a sumarse a esta nova edición, que volverá combinar competición, deporte popular e promoción de hábitos de vida saudables.

0.11739492416382