Volven en maio as viaxes socioculturais para os usuarios dos centros cívicos da Coruña
O Concello da Coruña impulsa un ano máis o programa de viaxes socioculturais para as persoas usuarias da Rede de Centros Cívicos Municipais. Unha iniciativa que promove a participación social e interrelación das veciñas e veciños asiduos destes espazos, traballando así na prevención da soidade non desexada con actividades enfocadas a un envellecemento activo.
Cómpre lembrar que estas excursións, que se levan a cabo en formato de ida e volta a diversos lugares da xeografía galega, son gratuítas, realízanse en autobús e non inclúen a comida, que será libre e por conta de cada persoa. Neste sentido, o Concello licitou xa o servizo de transporte de cara ás saídas socioculturais deste ano e tamén con vistas ás que están previstas en 2025, cunha oferta total de 55 viaxes contabilizando as que se levarán a cabo neste exercicio e tamén as do ano que vén.
A previsión inicial é que neste 2024, a nova edición das viaxes socioculturais se leve a cabo entre os meses de maio e novembro. Para facer máis cómodas as viaxes das persoas participantes, cada percorrido será dun máximo de 400 quilómetros entre ida e volta, con recollida e regreso nos centros cívicos municipais de referencia.
Cada autobús da frota disporá, como mínimo, de medio cento de prazas dispoñibles e contará, ademais, con sistemas adaptados a persoas con mobilidade reducida, facilitando así a participación das e dos usuarios con dificultades de accesibilidade.
Nas vindeiras semanas, o Concello informará nas súas canles oficiais e nos centros cívicos municipais sobre as datas e percorridos programados pola Área de Benestar Social. Tamén do procedemento a seguir para solicitar praza nas viaxes socioculturais.