Voces Ocultas celebra o seu primeiro aniversario cunha comunidade que supera as 1.000 persoas

Voces Ocultas celebrará este venres 17 de abril o seu primeiro aniversario cun acto na Coruña no que porá en valor o crecemento acadado desde a súa posta en marcha. O proxecto altruísta, promovido polas xornalistas Lucía González e Leticia Río, chega ao seu primeiro ano de traxectoria cunha comunidade que supera as 1.000 persoas e cun formato centrado en fomentar o pensamento crítico a través de charlas que buscan xerar conciencia e aprendizaxe.
A celebración terá lugar ás 19.00 horas no Bar Azka, situado na Praza Xeneral Azcárraga, e reunirá ás fundadoras da iniciativa xunto á súa rede de colaboradoras e colaboradores habituais. O encontro nace coa intención de servir tamén como espazo de agradecemento e recoñecemento para todas as persoas que fixeron posible a consolidación do proxecto ao longo destes meses.
Segundo explican as impulsoras, a cita permitirá poñer rostro ao equipo que acompaña a iniciativa e reencontrarse con participantes de edicións anteriores, ademais de dar a benvida a novas persoas incorporadas recentemente á comunidade. Para este aniversario, a organización conta ademais coa asistencia confirmada de máis de 100 persoas.
Ao longo do seu primeiro ano de actividade, Voces Ocultas reuniu en cada evento a máis de 70 asistentes para abordar cuestións como o benestar, a superación persoal, a alimentación consciente, o reenfoque profesional ou a velocidade creativa. A iniciativa amplía ademais o seu alcance coa gravación dos encontros presenciais e a súa posterior difusión en distintas plataformas de podcast.
O proxecto xurdiu, segundo sinalan as súas fundadoras, da curiosidade e do compromiso compartido por crear un espazo no que as ideas non só se expoñan, senón que tamén inviten á reflexión e á transformación. Con esa filosofía, a iniciativa busca seguir medrando como unha plataforma para educar, inspirar e dar visibilidade a cuestións que moitas veces permanecen en segundo plano.