Vista Alegre reunirá a catro equipos no IX Trofeo San Roque de fútbol veterano

O Complexo Deportivo de Vista Alegre acollerá o vindeiro 29 de agosto a novena edición do Trofeo San Roque de fútbol veterano, unha competición organizada polo Concello de Ordes que reunirá a catro equipos do municipio.
Nesta edición participarán o Poulo C.F. Veteráns, o Mesón do Vento C.F. Veteráns, a S.D.C. Órdenes Veteranos e o C.F. Veteranos Órdenes, que competirán nun sistema de eliminatorias directas ata decidir o campión.
A xornada deportiva comezará ás 16.30 horas coa primeira semifinal, que enfrontará ao Poulo C.F. Veteráns e ao Mesón do Vento C.F. Veteráns. Ás 17.15 horas disputarase a segunda semifinal entre a S.D.C. Órdenes Veteranos e o C.F. Veteranos Órdenes.
Os equipos derrotados loitarán polo terceiro posto ás 18.00 horas, mentres que os vencedores das semifinais disputarán a gran final ás 18.45 horas.
O Concello de Ordes promove unha nova edición deste torneo co obxectivo de fomentar o deporte afeccionado e ofrecer unha cita deportiva xa consolidada dentro da programación das festas de San Roque.