Vilasantar urxe ao Goberno central a desbloquear a reforma do cruce de Sesmonde

O Concello de Vilasantar volveu poñer sobre a mesa a necesidade de mellorar a seguridade viaria no municipio coa actuación pendente no cruce de Sesmonde, no límite co Concello de Curtis. Foi durante a visita institucional do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, que acudiu este martes a Vilasantar para inaugurar unha sesión informativa do programa ‘A Administración cerca de ti’.
Abalde foi recibido polo alcalde, Fernando Fernández Pérez, no local social de Présaras, onde se desenvolveu a xornada dirixida a achegar os servizos da Administración Xeral do Estado á poboación e facilitar o acceso ás ferramentas da administración electrónica. Tras o encontro coa veciñanza e o agradecemento ao persoal técnico desprazado, a comitiva trasladouse á casa consistorial, onde o subdelegado saudou ás traballadoras municipais e asinou no libro de honra.
Foi nesa reunión posterior cando o rexedor insistiu na urxencia de executar a intervención prevista no cruce de Sesmonde, onde conflúen a N-634 e a AC-840. Segundo expuxo o Concello, o proxecto foi presentado hai anos e, en 2024, a anterior subdelegada reafirmara o compromiso do Goberno central de impulsalo a curto prazo, ao figurar entre as prioridades do Ministerio de Transportes. Con todo, ante a ausencia de novidades, Vilasantar reclama agora concreción e prazos para unha actuación que considera clave para reducir o risco de accidentes. Pola súa banda, Abalde comprometeuse a comprobar o estado actual do proxecto.
A sesión de ‘A Administración cerca de ti’ ofreceu información práctica sobre as diferentes vías para realizar xestións telemáticas, o uso do DNI electrónico e do certificado dixital, ademais das posibilidades da Carpeta Cidadá. Tamén se presentaron servizos dispoñibles nas sedes electrónicas estatais, desde cuestións catastrais ata trámites da Dirección Xeral de Tráfico ou da Axencia Tributaria.
O persoal técnico da Subdelegación axudou ás persoas asistentes a obter o certificado dixital e realizou unha xestión en liña a modo de exemplo, co obxectivo de reforzar a autonomía dixital da cidadanía. Abalde lembrou que hoxe se pode completar de forma dixital máis do 90% das xestións cos departamentos da Administración Xeral do Estado e animou os concellos de menos de 8.000 habitantes a sumarse ao protocolo que permite desenvolver este programa, pensado para reducir a fenda dixital e territorial, especialmente entre a poboación maior e no medio rural.