Vilasantar súbese á bicicleta cun percorrido familiar e sorteos para todos os participantes

ACoruñaXa
O Concello celebrará o Día da Bici o 18 de xullo cunha ruta de 8 quilómetros e repartirá material deportivo entre as persoas inscritas
VILASANTAR dia da bici
14 Jun 2026

Vilasantar volverá apostar este verán pola mobilidade sostible e o deporte ao aire libre coa celebración dunha nova edición do Día da Bici. A iniciativa, organizada polo Concello, desenvolverase o próximo 18 de xullo e está pensada para que persoas de todas as idades poidan participar nunha xornada de convivencia e actividade física.

A programación comezará ás 10.30 horas diante da Casa do Concello, onde se realizará a concentración das persoas participantes. A saída da ruta está prevista para as 11.00 horas e consistirá nun percorrido de aproximadamente 8 quilómetros adaptado para toda a familia.

Desde a organización lembran que será obrigatorio o uso do casco durante toda a actividade e que as persoas participantes deberán respectar as normas de seguridade establecidas para garantir o correcto desenvolvemento da xornada.

Unha vez rematada a ruta, o Concello celebrará un sorteo de material deportivo entre os ciclistas participantes, co obxectivo de incentivar a práctica deportiva e premiar a participación.

As inscricións permanecerán abertas ata o 30 de xuño. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación entregando a folla de inscrición nas dependencias municipais.

0.12067794799805