Vilasantar ofrece actividades para favorecer a conciliación das familias durante os meses de verán

ACoruñaXa
O Concello oferta campamentos de deport, de lecer e clases de inglés para a rapazada do municipio da comarca betanceira
conciliacion_imaxe_recurso
Imaxe recurso campamentos de verán
3 Xuño 2024

O Concello de Vilasantar vén de abrir o prazo de preinscrición para as actividades de verán organizadas para favorecer a conciliación das familias. En total, trátase de tres programas de actividades deseñadas para que os nenos e nenas aprendan divertíndose e promovendo un estilo de vida saudable, dando protagonismo ao exercicio físico.

En primeiro lugar, o 'X Campus de deporte e ocio Álex Bergantiños', onde a rapazada nada entre o 2010 e o 2015 poderá practicar fútbol, xogos e actividades lúdicas, multideporte, orientación, dinámicas de grupo, gymkhanas, piscina, sendeirismo e actividades na natureza na área recreativa do Roseo, onde tamén están as instalacións da piscina municipal. Esta actividade, que se desenvolverá en xullo e ten un prazo de inscrición ata o 25 de xuño, está patrocinada pola Deputación da Coruña.

En segundo lugar, o campamento de verán do 'CEIP de Présaras', para nenos e nenas de 3 a 14 anos.  Esta actividade terá lugar dende o 24 de xuño ata o 30 de agosto e os campistas realizarán xogos, saídas pola contorna natural, artesanías, obradoiros, etc. Igual que o Campus Álex Bergantiños, desenvolverase de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas, pero o campamento contará con servizo madrugadores, a partir das 9.00 horas. Neste caso, o campamento está subvencionado pola Xunta de Galicia.

Por último, 'Discovering English', para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Trátase dun curso que terá lugar os martes e xoves, na casa do concello e na área recreativa do Roseo segundo permita a meteoroloxía. O obxectivo é que a rapazada tome contacto co idioma inglés a través de xogos. Esta actividade, igual que o campamento do CEIP de Présaras, ten aberta a preinscrición ata o 19 de xuño e está financiada pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade.

Todas estas actividades municipais son de balde, como apoio ás familias, e darán preferencia aos nenos e nenas empadroados no Concello de Vilasantar, concedendo praza á rapazada doutros municipios por estrito orde de inscrición se quedan lugares dispoñibles.

0.13515686988831