Vilasantar oferta catro postos de traballo grazas ao Aprol Rural e ás axudas PEL
O Concello de Vilasantar vén de publicar as bases para a contratación de dous peóns forestais, grazas á subvención de Aprol Rural da Xunta de Galicia, e dous peóns para a realización de obras e servizos municipais, ao abeiro do PEL Concellos da Deputación da Coruña.
No referido aos dous postos de peóns para a realización de tarefas de limpeza de montes, planificación preventiva e xestión da biomasa, o contrato terá unha duración de 9 meses a tempo completo e a selección realizarase a través de oposición.
Todas as persoas interesadas nestes postos poden presentar a súa candidatura ata o 29 de maio, a través da sede electrónica, nas oficinas municipais ou calquera plataforma oficial habilitada, acompañada de toda a documentación que acredite as condicións mínimas esixidas na convocatoria.
Segundo as bases, terán preferencia as candidaturas que pertenzan a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, como mulleres, menores de 30 anos, persoas paradas de longa duración, discapacitadas ou maiores de 45 anos, entre outros grupos.
En canto aos dous postos de peóns para traballos de mantemento dos servizos mínimos municipais e tarefas de mellora e mantemento de instalacións, infraestruturas e espazos naturais, o contrato terá unha duración de catro meses e medio a tempo completo.
As persoas interesadas nos postos poden presentar a súa candidatura ata o 28 de maio, a través da sede electrónica, nas oficinas municipais ou calquera plataforma oficial habilitada e o procedemento selectivo será o de concurso-oposición. As persoas a contratar deberán estar en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e atoparse nalgunha situación de exclusión laboral acreditada con documentos oficiais.