Vilasantar inviste case 400.000 euros na construción dun punto limpo
Nuns meses os veciños e veciñas de Vilasantar poderán desfrutar dun punto limpio no Concello. Neste sentido, as obras do punto limpo están en plena execución e o alcalde do municipio, Fernando Fernández Pérez, acudiu ao lugar para supervisar o proceso, acompañado pola arquitecta, o aparellador e o responsable da empresa construtora. Trátase dun proxecto pioneiro no que prima a bioconstrución, os materiais sostibles, a bidireccionalidade das infraestruturas e a integración social, medioambiental e paisaxística.
O proxecto do punto limpo, orzamentado nun total de 399.300 euros, está subvencionado maiormente pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Así pois, a administración local aportou o 74% do custe das actuacións sen IVE, é dicir, 297.000 euros, procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea.
Pola súa banda, a Deputación da Coruña financia o 80% do 26% restante, é dicir, 81.840 euros; mentres que a administración local asume o 20% restante, cunha achega de 20.460 euros. A maiores, a adquisición da parcela onde se instalará o punto limpo foi financiada ao 80% pola Deputación da Coruña, cun importe de 24.000 euros; mentres que o Concello asumiu o restante, é dicir, 6.000 euros. Dito recinto consta dun total de 1.841,60 metros cadrados, dos que 181,50 metros cadrados estarán ocupados pola parte cuberta da edificación, deixando moito espazo ás zonas verdes e a futuras infraestruturas e usos.
As obras de preparado do terreo comezaron a finais do pasado ano 2023 e actualmente xa está en marcha o proceso de construción das instalacións.
Un punto limpo que aposta pola economía circular
A filosofía deste proxecto basease no principio de economía circular, polo que non será un punto limpo ao uso. Neste caso, permitirase depositar obxectos, reparalos nos talleres da propia instalación, con maquinaria ao servizo da cidadanía e persoal cualificado, para incidir na reparación, reutilización e reciclaxe. Así mesmo, impartirase formación para ensinar ás persoas usuarias do punto limpo a dar unha segunda vida aos obxectos, aportando un lugar e equipamento como ferramentas de carpintería, electricidade, máquinas de coser, etc.
Esta caseta de economía circular estará construída con materiais sostibles, como madeira local ou de bosques de xestión sostible, illamentos con fibra de madeira, muros e tabiques de bloques de terra comprimida, cobertura vexetal, etc. A maiores, preténdese reutilizar as augas pluviais creando un estanque naturalizado e optarase maiormente polo uso de enerxías renovables mixtas, valorándose unha mistura de microeólica, solar fotovoltaica e estufas de biomasa.
Ademais, o punto limpo segue un deseño de integración paisaxística, creando zonas verdes na contorna para que sexa tamén unha área de desfrute natural para a veciñanza. Así pois, respectaranse as especies vexetais autóctonas, potenciando a biodiversidade
No punto limpo poderase depositar residuos especiais (fluorescentes, pilas, residuos perigosos, etc.), residuos municipais como papel, cartón, vidro, envases, madeira, etc.; residuos voluminosos, tanto para reparación como para descarte; téxtil, tanto para desbotar como para doar; residuos de construción e demolición e, finalmente, restos de poda no punto verde para a compostaxe.
Dende o Concello de Vilasantar salientan a importancia deste proxecto pioneiro, “un punto limpo diferente e único que axudará a alongar a vida dos obxectos e a crear comunidade con múltiples actividades”, e engaden que o proxecto está pensado para ampliar nun futuro cunha vivenda social, un centro compartido de traballo, puntos de recarga de vehículos eléctricos, naves de uso municipal, etc. “Serán unhas instalacións referente de sostibilidade e coidado do medio ambiente, cun forte compoñente social, e que permitirá medrar e adaptarse ás necesidades da veciñanza e aos retos do futuro”, concluíu o rexedor de Vilasantar.