Vilasantar e a REGAPS celebrarán unha mesa para a promoción da saúde nas familias

ACoruñaXa
A iniciativa enmarcarase no plan Obesidade Zero Galicia, organizado pola Rede Galega de Promoción da Saúde
Imaxe recurso de saúde
Imaxe recurso de saúde
11 mar 2024

O alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, reuniuse con responsables da área sanitaria da Coruña-Cee para abordar a creación dunha mesa para a promoción da saúde nas familias do concello. Esta mesa enmarcarase no plan Obesidade Zero Galicia, organizado pola Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), dependente da Consellería de Sanidade.

O obxectivo deste proxecto é que as administracións local e autonómica, ademais dos axentes sociais e empresariais, traballen conxuntamente para aportar á veciñanza as ferramentas precisas para promover a saúde en todos os ámbitos. Así pois, porase a disposición da cidadanía recursos didácticos para afondar nos hábitos saudables, ademais de realizar un taller didáctico sobre actividade física, nutrición e adiccións no CEIP de Présaras.

Seguindo esta liña, o rexedor de Vilasantar confirmou a intención de convidar a todas as persoas que poidan ter implicación na promoción de hábitos saudables. “É fundamental que a escola sexa o epicentro desta cultura da saúde para que a rapazada integre na súa vida cotiá hábitos saudables de nutrición e exercicio físico”, engadindo que contarán coa participación de persoas con trato continuo cos nenos e nenas, como o profesorado, as familias e a cociñeira do centro educativo.

O Plan de Obesidade Zero en Galicia xurdiu tras o aumento das cifras de obesidade na poboación, supoñendo un desafío dende a perspectiva de Saúde Pública. Así pois, abórdase o reto de reducir os niveis de obesidade como un acto colectivo, transcendendo as políticas sanitarias e involucrando a todos os sectores e administracións. Xa que logo a educación e a contorna, que reúne factores sociais, económicos e culturais, son determinantes para promover un desenvolvemento saudable da poboación. Con esta premisa, o Concello de Vilasantar e REGAPS consideran que a instauración dunha mesa para a saúde será un paso determinante para loitar contra a obesidade.