Vilasantar acomete a mellora da travesía AC-194

ACoruñaXa
As actuacións buscan priorizar o uso peonil e mellorar a seguridade viaria
Vilasantar travesía da AC-194
21 Nov 2024

O Concello de Vilasantar iniciou as obras de mellora e humanización da travesía da estrada AC-194 ao seu paso polo lugar de Ru, na parroquia de Vilasantar. Esta actuación, que busca calmar o tráfico e priorizar o uso peonil, conta cun investimento de case 169.000 euros financiados integramente pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas.

Os traballos inclúen o fresado e a pavimentación da travesía, coa construción dunha plataforma elevada na contorna da casa consistorial e a praza. Este novo espazo, que combinará formigón desactivado con laxas e lastras de granito, elevara a estrada en 10 centímetros ao longo de 70 metros para igualar a cota da praza. A continuidade de materiais permitirá integrar a praza coa estrada, reforzando o protagonismo dos peóns na zona.

Ademais, para acougar o tráfico, instalaranse tres novos pasos de peóns sobreelevados ao longo do percorrido. Os traballos completaranse co recrecido de pozos e sumidoiros, así como coa instalación de sinalización horizontal e vertical.

O proxecto foi redactado e licitado polo propio Concello, que tamén supervisa a execución das obras e asumirá os custos que excedan o financiamento previsto no acordo asinado coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o pasado 24 de xaneiro. O prazo para rematar os traballos é de dous meses.

0.19217085838318