Vila Concepción en Cambre acolle a mostra de arte en madeira 'De mil madeiras'

ACoruñaXa
A exposición estará composta por unhas 24 pezas colgantes e por outras dúas de pé de algo máis dun metro de altura
Imaxe do cartel da exposición 'De mil madeiras'
Imaxe do cartel da exposición 'De mil madeiras'
1 may 2024

A arte emerxe dos lugares máis inesperados. Esa é, precisamente, a idea central que Xosé Manuel Rodríguez (Moxom) amosa durante este mes de maio, coa súa exposición ‘De mil madeiras’ na casa da Cultura Vila Concepción de Cambre.

A mostra reunirá preto dunha trintena de pezas “inéditas e descoñecidas” que el mesmo confeccionou en colaboración da súa muller Maite. O traballo do artista chegará á sala de exposicións de Vila Concepción o luns, 6 de maio, e poderá visitarse ao longo de todo o mes.

O concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude, David Saborido, explica que a exposición reforza o compromiso do goberno por continuar “dinamizando Vila Concepción, ofrecendo á veciñanza un amplo abano de opcións de lecer e dándolle a coñecer diferentes disciplinas artísticas”. O edil agradece a implicación do autor “cuxo traballo coa madeira é unha auténtica obra de arte”. Saborido incide en que, ademais de dar a coñecer ao público “a sensibilidade da obra en si, trátase tamén de coñecer ao artista que hai detrás deste traballo”.

A exposición estará composta por unhas 24 pezas colgantes e por outras dúas de pé de algo máis dun metro de altura. Todas serán distintas, pero terán un nexo en común: están elaboradas con restos de madeira que Xosé Manuel e a súa muller foron recollendo para este fin. “Do que se trata é de darlle unha segunda vida a esta madeira”, explica o artesán, reafirmando a idea de que ‘De mil madeiras’ ten un valor artístico e transmite, ademais, a importancia de reciclar e reaproveitar materiais.

Proceso de elaboración a través da madeira

O proceso de elaboración de cada obra iníciase coa recolección das madeiras, e continúa co tallado, a aplicación dun produto que protexa o material e, por último, coas tarefas de pintado. Todos estes labores coróanse, ademais, cun bautismo: “na miña obra non hai moitos animais nin tampouco homes. *É unha colección feminina e gústanos poñerlles nome as pezas, dálles máis personalidade”, explica o artista.

Ao longo da súa traxectoria, Xosé Manuel Rodríguez dedicouse a outras disciplinas artísticas como a pintura, o collage e a banda deseñada. A mostra de Cambre é, de feito, o resultado da transformación de moitos dos seus debuxos en pezas de madeira.

Cartelas Promoción