Vía libre definitiva para o orzamento de 2026 en Betanzos tras pecharse sen alegacións

ACoruñaXa
O Concello activa unhas contas de 13,9 millóns de euros, un 27 por cento máis ca no exercicio anterior, con reforzo das políticas sociais, da educación e dos investimentos en barrios e parroquias
Edificio Liceo onde se sitúan os servizos administrativos do Concello de Betanzos
10 Mar 2026

O Concello de Betanzos dispón xa de maneira definitiva do seu orzamento municipal de 2026 despois de que rematase o período de exposición pública sen que se presentase ningunha alegación. As novas contas ascenden a 13.930.579,24 euros, o que supón un incremento de 2.969.487,46 euros respecto ao ano anterior, é dicir, un 27 por cento máis. O documento xa fora avanzado a finais de xaneiro e, tras a súa aprobación inicial en Pleno, entra agora en vigor sen cambios.

A alcaldesa, María Barral, sostén que o novo marco económico permitirá recuperar capacidade investidora e consolidar un modelo de xestión centrado nas persoas, na protección social, na educación e na igualdade, cun reparto que busca atender tanto a zona urbana como o rural. Segundo trasladou o goberno local, o orzamento reforza ademais os servizos públicos e a colaboración co tecido social, cultural e económico do municipio.

Entre os capítulos máis destacados figuran arredor de catro millóns de euros para políticas sociais, con 1,3 millóns reservados para o Servizo de Axuda no Fogar, así como partidas para transporte municipal, programas vinculados ás drogodependencias e gasto social extraordinario a través do POS+ Adicional. No ámbito educativo, o Concello destina outros 1,3 millóns de euros ao mantemento do CEIP Vales Villamarín, á Escola Infantil Municipal e á xestión directa do comedor e do servizo de madrugadores. As contas incorporan tamén por primeira vez unha partida específica para avanzar cara á creación dun Centro de Información á Muller, cunha dotación de 151.261 euros no edificio de Servizos Sociais.

No apartado de gastos, o persoal suma 6.202.232,99 euros e os bens correntes e servizos superan os 5,2 millóns, cun incremento do 18,17 por cento que, segundo o executivo local, permitirá reforzar a limpeza, o mantemento, a atención social, a cultura, o deporte e outros servizos esenciais. O capítulo de investimentos reais elévase ata os 1.312.299,09 euros e inclúe actuacións como a reforma e recuperación do parque infantil do Pasatempo, con 300.000 euros en colaboración coa Deputación, medidas de eficiencia enerxética no alumeado público e no polideportivo municipal, renovación de pavimentos en varias rúas e melloras en puntos como A Condesa, Infesta e A Condomiña.

O orzamento recolle ademais transferencias e subvencións para entidades sociais, culturais e económicas, con achegas para colectivos como ACEBE, a Asociación Concilia, a Fundación CIEC e a Fundación Globo de San Roque. Con esta aprobación definitiva, o goberno local pecha a tramitación dunhas contas que xa nacían co respaldo do BNG, formación que anunciara o seu apoio no pleno de febreiro aínda que advertindo de que o documento quedaba lonxe do seu modelo de cidade.

0.12680101394653