Vía libre á licenza de obra para o novo supermercado Gadis de Costa Miño

ACoruñaXa
O Concello autoriza a construción dunha superficie comercial de máis de 1.500 metros cadrados, con aparcadoiro para 48 vehículos, nunha parcela situada entre varias rúas do núcleo
MIÑO nuevo gadis
7 Nov 2026

A Xunta de Goberno Local do Concello de Miño autorizou esta semana á cadea Gadis a licenza de obra para erguer a súa nova superficie comercial en Costa Miño. Con este permiso queda pechado o último trámite administrativo pendente, polo que o proxecto poderá entrar agora na súa fase de execución material.

O futuro establecemento asentarase sobre unha parcela de 3.511,98 metros cadrados, delimitada polas rúas Camposas, Madanela e Cepeira, así como pola Avenida de Xarío. Entre os aspectos destacados do proxecto figuran a súa adaptación ao contorno urbano, o coidado posto no deseño do edificio e determinadas solucións orientadas a reducir o seu impacto ambiental.

A construción adaptarase á pendente do terreo, quedando parcialmente soterrada, cunha altura aproximada de sete metros, comparable á dunha vivenda unifamiliar. Con isto búscase reducir a afección visual sobre o contorno e manter tanto as vistas como a entrada de luz natural nas vivendas próximas.

O supermercado distribuirase en planta baixa e unha entrepranta de dimensións reducidas, cunha superficie construída total de 1.518,35 metros cadrados. Entre os seus servizos contará con atención personalizada nas seccións de peixaría, carnizaría e charcutaría. En canto aos accesos, habilitarase unha entrada principal desde a Avenida de Xarío e unha saída pola rúa A Madanela, co obxectivo de ordenar o tráfico tanto de vehículos como de peóns. O proxecto contempla así mesmo unha zona de aparcadoiro con capacidade para 48 prazas.

Entre as actuacións complementarias inclúese o axardinamento de taludes e retranqueos mediante especies autóctonas de porte baixo, ademais da substitución de exemplares arbóreos en mal estado nas rúas Camposas e Cepeira. A concesión deste espazo fixouse por un período de 30 anos.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, salientou que esta licenza “achéganos a contar cun servizo moi demandado e moi necesario”, en relación co crecemento de poboación que está a vivir o municipio, en particular en Costa Miño. Segundo indicou, trátase de “un fito que vai marcar un antes e un despois para a urbanización”.

0.11523509025574